Noticias

O Plan Concellos 2021 ascende ata os 42,5 millóns de euros e volve situar á Deputación de Pontevedra como a administración provincial do Estado que transfire máis recursos

Carmela Silva: "Unha ferramenta fundamental para a transformación da provincia que seguirá a ser clave para a reactivación económica e social tras a crise sanitaria"


04 decembro 2020
Presentación do Plan Concellos 2021

Os números do Plan Concellos do vindeiro ano, que ascende a 42.5 millóns, 300.000 máis que en 2020, foron presentados esta mañá pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, e responden como en anos anteriores a criterios técnicos de poboación, superficie, núcleos e densidade.

Os concellos da comarca de Pontevedra recibirán o próximo ano 2021 máis de 7,5 millóns de euros, (7.540.929 €). Así, na comarca de Pontevedra, os investimentos do Plan provincial serán para Poio de 1.047.005 euros; Cerdedo-Cotobade 957.359 euros; Marín 1.008.847 euros; Caldas de Reis 727.167 euros; Ponte Caldelas 570.543 euros; Cuntis 552.148 euros; Vilaboa 513.177 euros; A Lama 483.871 euros; Moraña 480.160 euros; Barro 437.412 euros; Portas 385.092 euros; e Campo Lameiro 378.143 euros. O balance dos investimentos só do Plan Concellos estes 5 anos na comarca pontevedresa ascende a máis de 44 millóns de euros (44.327.239 €).

Os concellos da comarca de Vigo recibirán o próximo ano 2021 máis de 8 millóns de euros, (8.183.194 €). Así, os investimentos do Plan provincial na comarca viguesa serán para O Porriño de 1.109.682 euros; Nigrán 1.005.793 euros; Redondela 1.145.790 euros; Gondomar 976.937 euros; Mos 966.009 euros; Baiona 930.132 euros; Salceda de Caselas 681.826 euros; Soutomaior 562.858 euros; Pazos de Borbén 412.334 euros; e Fornelos de Montes 391.827 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca de Vigo ascende a máis de 48 millóns de euros (48.189.054 €).

Os concellos do Morrazo recibirán o próximo ano 2021 case 3 millóns de euros (2.927.170€) . Así, na comarca, os investimentos do Plan provincial serán para Cangas 1.103.253 euros; Moaña 996.734 euros; e Bueu 827.181 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 17 millóns de euros (17.281.659€).

Os concellos do Baixo Miño recibirán o próximo ano 2021 case 4 millóns de euros (3.971.191 €). Así, no Baixo Miño, os investimentos do Plan provincial serán para Tomiño de 1.231.581 euros; Tui 1.029.037 euros; A Guarda 677.414 euros; O Rosal 575.486 euros; e Oia 457.671 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 24 millóns de euros (24.041.273 €).

Os concellos do Salnés aumentan o próximo ano 2021 a máis de 8,3 millóns de euros, (8.320.825 €). Así, na comarca do Salnés, os investimentos do Plan provincial serán para Vilagarcía de Arousa de 1.387.703 euros; Sanxenxo 1.158.261 euros; Cambados 955.000 euros; O Grove 803.183 euros; Vilanova de Arousa 763.457 euros; Valga 557.566 euros; Meaño 509.923 euros; Meis 490.546 euros; Ribadumia 476.765 euros; A Illa de Arousa 427.368 euros; Catoira 424.279 euros; e Pontecesures 366.779 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca do Salnés ascende a máis de 49 millóns de euros (49.117.346 €).

Os concellos do Condado e A Paradanta recibirán o próximo ano 2021 máis de 5 millóns de euros, (5.075.071 €). Así, na comarca, os investimentos do Plan provincial serán para Ponteareas de 1.135.727 euros; Salvaterra de Miño 759.934 euros; A Cañiza 556.417 euros; As Neves 545.849 euros; Mondariz 518.857 euros; Covelo 462.441 euros; Arbo 432.421 euros; Crecente 399.744 euros; e Mondariz-Balneario 263.676 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a preto de 30 millóns de euros (29.962.107 €).

Os concellos da comarca do Deza-Terra de Montes se incrementan o próximo ano 2021 ata os case 6,3 millóns de euros. Así, os investimentos do Plan provincial serán para A Estrada de 1.386.953 euros; Lalín 1.357.153 euros; Silleda 807.575 euros; Vila de Cruces 675.583 euros; Forcarei 575.358 euros; Rodeiro 535.142 euros; Agolada 532.204 euros; e Dozón 377.397 euros. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 5 anos na comarca ascende a máis de 38,5 millóns de euros (38.507.544€).

Os datos foron comunicados hoxe mesmo aos alcaldes e alcaldesas dos 59 concellos da provincia beneficiarios do Plan "a fin de que saiban o antes posible as achegas que van recibir para poder incorporalas aos seus respectivos orzamentos".

"Trátase do plan estrela da Deputación, do paradigma de respecto da autonomía local e permite que os concellos decidan libremente a que dedicar os recursos" asegurou Silva na presentación. Este ano, "todas as comarcas van recibir máis recursos que o ano anterior e temos moito orgullo ao coñecer que a Deputación, segundo os datos do Ministerio de Facenda, "volve ser a administración que máis transferencias fai aos municipios".

En liñas xerais, o Plan Concellos repártese de forma equilibrada, beneficiando máis aos máis pequenos. Os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2021 19.650.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 13.800.000 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitantes 8.825.000 €. "Somos moi conscientes do papel que teñen que desenvolver as Deputacións, sobre todo de apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes e, neste eido, imos destinar a este grupo preto dos 33 millóns e medio de €". Ademais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, que para o 2021 estará dotada con 30 millóns de €; a liña 2 de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes que estará dotada con 3.000.000 € e a liña 3 de fomento do emprego que contará no 2021 con 9.500.000 €.

O Plan presenta novidades. Como xa podían facer desde o inicio de pandemia, os concellos poden destinar ata o 30 % da cantidade da liña 1 a incrementar o importe das liñas 2 e 3 e facer fronte así ás necesidades derivadas da crise. Esta medida verase complementada agora con outra nova: dáse opción aos concellos a destinar ata o 20 % da liña 1, un total de 6 millóns de euros, a establecer un plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia.

O vicepresidente, César Mosquera, destacou o esforzo da Deputación na axuda aos concellos da provincia salientando que sumado o Plan Concellos (42,5 M€) e as liñas de actuación (Revitaliza, Ágora, actuacións en vías provinciais…), invístense 75 millóns de euros anuais nos municipios, o que supón o 64 % dos recursos provinciais unha vez descontado o capítulo de persoal. "Máis é imposible. Estamos a facer un esforzo máximo e non debe haber Deputación que faga algo parecido", resaltou.

Mosquera fixo fincapé no seu afán de cohesión territorial, xa que destina proporcionalmente moitos máis cartos por habitante aos concellos de menor poboación. "Hoxe fálase da España vaciada, pero a Deputación leva facendo isto desde o ano 2015, dende antes de que se falara disto", lembrou. Neste sentido, indicou que para os municipios de menos de 10.000 habitantes só o Plan Concellos representa máis dunha cuarta parte do seu orzamento. "O normal é que dispoñan de entre 400 e 500 euros por habitante, e a Deputación achega 117 euros. Nalgúns casos pasa do 30 % do orzamento, polo que con eses fondos poden actuar razoablemente" achegando servizos á súa cidadanía, destacou. 

Balance 2016-2021: 252 millóns de euros

"Ningunha Administración, nin a estatal, nin a autonómica, ten feito tanto esforzo inversor para que chegaran recursos aos concellos da provincia. Nunca os concellos tiveron tantos recursos á súa disposición, nunca se respectou tanto a súa autonomía local e nunca se fixo un esforzo tan importante por transformar esta provincia" asegurou Carmela Silva ao facer balance do Plan Concellos dos últimos cinco anos. Deste xeito, desde o 2016 achegáronse a case 252 millóns de euros aos concellos da provincia, dos cales máis de 116 millóns e medio foron para os de menos de 10.000 habitantes, máis de 82 millóns de euros para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e máis de 53 millóns de euros a aqueles de entre 20.000 e 50.000 habitantes. "Fixemos un esforzo extraordinario, o máis importante da historia desta Deputación, para que os concellos puidesen garantir os dereitos e os servizos", remarcou Carmela Silva.

En liñas xerais, desde o 2016 e ata o 2020 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.151 actuacións no marco da liña 1, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en iluminacións e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Ademais, en canto a liña 2 realizáronse ata 1.132 pagamentos de gasto corrente e actividades municipais e a través da liña 3 de emprego puidéronse financiar a creación de 5.199 postos de traballo nos concellos.