Noticias

O Plan Concellos 2017 impulsou a posta en marcha de 480 proxectos, 220 eventos ou actividades e a contratación de 1.200 persoas na provincia

O Goberno de Carmela Silva ten distribuídos nestes momentos o 100 % das liñas 2 de Gasto e 3 de Emprego e o 96 % da liña 1 de Investimentos, o que se traduce en máis de 40 millóns de euros en mans dos concellos


17 novembro 2017
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá o balance do estado de situación do Plan Concellos 2017 que pon de manifesto que "somos a administración que máis está a investir na provincia de Pontevedra". Máis polo miúdo, Silva detallou que tanto a liña 2, correspondente cos gastos e actividades, como a 3, relativa ao Emprego, están xa distribuídas mentres que a liña 1, de Investimentos, está aprobada ao 96 %, o que se traduce en máis de 40 millóns de euros xa en mans dos concellos da provincia.

Nestes momentos, tal e como informou a presidenta provincial, a liña 1 de Investimentos ten xa concedidos preto de 28 millóns de euros, o 96 % do total, que está posibilitando que "os concellos da provincia estean a poñer en marcha 480 novos investimentos nos seus termos municipais". Carmela Silva destacou que "se sumamos estas iniciativas cos 472 investimentos do ano pasado, estamos a falar de que en dous anos, coas achegas do Plan Concellos, puxéronse en marcha 952 proxectos".

A presidenta da Deputación detallou, en liñas xerais, que a distribución dos investimentos do Plan Concellos céntrase en estradas, subministración, equipamentos municipais, melloras do espazo urbano, documentación, parques e xardíns e medio ambiente. Neste sentido, Carmela Silva puxo en valor que "practicamente todas as actuacións que se poñen en marcha nos concellos da provincia de Pontevedra se efectúan con recursos da Deputación, algo que non acontecía co anterior goberno que so beneficiaba aos concellos gobernados polo Partido Popular".

Máis polo miúdo, as estradas supoñen o 28 % das subvencións solicitadas polos concellos o que se traduce nun investimento de 10,6 millóns de euros para a posta en marcha de 140 actuacións como beirarrúas, novos pavimentos, melloras da seguridade viaria, etc.

As subministracións son o 25% das subvencións solicitadas e significan un investimento de preto de tres millóns de euros mediante os cales os concellos están a poñer en marcha 120 actuacións que abranguen desde melloras no alumeado, ata eficiencia enerxética, maquinaria, material, saneamento ou zonas de xogos infantís.

No caso dos equipamentos municipais, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que supoñen o 17 % das subvencións e un investimento de 5,2 millóns de euros mediante os cales estanse a impulsar 80 proxectos de mellora de infraestruturas culturais, deportivas, educativas ou de servizos sociais.

Pola súa banda, o 16 % das subvencións solicitadas polos concellos, é dicir, 5,5 millóns de euros, correspóndense con 80 proxectos de melloras do espazo urbano, é dicir, para impulsar humanizacións e accesibilidade, eficiencia enerxética, melloras nas redes de saneamento e instalacións, etc.

O 6 % das subvencións solicitadas polos municipios no marco da liña 1, de Investimentos, do Plan Concellos  2017 destínanse a documentación, é dicir, a investir preto de dous millóns de euros para 30 actuacións que van dende a redacción de novos proxectos ata inventarios.

No caso dos parques e xardíns, Carmela Silva informou que supoñen o 5 % das achegas e un investimento de 2 millóns de euros mediante os cales estanse a impulsar máis de 20 actuacións de parques e xardíns como parques biosaudables, proxectos paisaxísticos, parques e espazos verdes ou proxectos de urbanización e xardíns.

Pola súa banda, o 4 % das subvencións solicitadas polos concellos, é dicir, preto dun millón de euros, correspóndense con investimentos para 20 proxectos relacionados co medio ambiente como depuracións, proxectos paisaxísticos, actuacións en sendas azuis ou tratamentos de residuos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer a distribución das achegas correspondentes á liña 2, de gastos, que tamén se atopa aprobada ao 100 %. Ao respecto, Carmela Silva destacou que 59 concellos da provincia, mediante esta liña, están a investir máis de 3,5 millóns de euros en 220 actuacións relacionadas con gasto corrente novo ou o impulso de eventos ou actividades de diferente índole nas súas vilas e pobos.

Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou que o 24,4 % da liña 2 se corresponde con solicitudes efectuadas polos concellos para impulsar festas, o 17,2 % para actividades culturais, o 14,9 % para actividades deportivas, o 13,1 % para obradoiros e actividades de dinamización, o 12,2% para gasto corrente, o 10,5 % para o pagamento de acredores, o 5 % para campañas informativas ou de promoción e o 2,7 % para poñer en marcha campamentos. Ao respecto, Silva recordou que "fai case dous anos o PP aseguraba que con nós os concellos non ían poder facer fronte a eventos, festas, actividades culturais e hoxe, como se pode comprobar con estes datos obxectivos, podemos dicir que case todas as actividades dos concellos están subvencionadas ou cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra".

Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén puxo en valor a rápida execución da liña 3, de Emprego, "que se adxudicou ao 100 % antes de rematar abril e que en pouco máis de tres meses e medio destinou máis de 9 millóns de euros para que os concellos puidesen contratar a 1.200 persoas". Carmela Silva destacou que os concellos contrataron a 293 persoas para a construción, obras públicas e albanelería; 185 peóns, operarios e operarias e servizos varios; 178 persoas para limpeza e recollida de lixo; 168 para horticultura, parques e xardíns e medio ambiente; 124 para oficios varios (carpintaría, fontanería, electricidade, soldadura, pintura, cantería, etc.); 73 para oficinas e dependencias municipais (persoal administrativo, técnicos e técnicas, recepción, biblioteca, arquitectura, informática, etc.); 49 para a condución e o manexo de maquinaria; 24 persoas para ocupar postos de monitoras e monitores, animación e educación infantil; 22 ordenanzas e vixilancia; 18 para axuda no fogar e traballo social; 16 para turismo; 11 para socorrismo, natación e limpeza de piscinas; 10 para mantemento de edificios e infraestruturas municipais e 5 para protección civil e policía local.

A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que, a través da liña 3 de emprego, "queremos facilitar que os concellos poidan garantir os servizos municipais, entre outras cuestións porque nin a Xunta nin o Goberno de España garanten recursos para este fin". Por este motivo, Silva instou "ao Goberno de España para que tome decisións que permitan prestar os servizos municipais e que a Xunta aprobe un fondo local incondicionado para que os concellos poidan facer fronte a estes servizos e garantir os dereitos de todas as persoas".

Nestes momentos, segundo informou Carmela Silva, 47 dos 59 concellos da provincia que se benefician das achegas do Plan Concellos 2017 teñen xa adxudicado o 100 % do orzamento. Os 12 concellos restantes teñen aprobado entre o 80 e o 98 % do orzamento polo que, en palabras da presidenta provincial, "entre este mes e os primeiros quince días de decembro completarán o 100 % do orzamento do plan".