Noticias

O Plan Concellos 2016 contará cun 30 % máis de recursos económicos para 60 concellos da provincia

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destaca a eliminación da libre disposición e a autonomía local para a distribución dos fondos


13 nov 2015
Os fondos do Plan Concellos 2016 increméntanse nun 30%
Os fondos do Plan Concellos 2016 increméntanse nun 30%

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, salientou hoxe, na presentación do Plan Concellos 2016, que os fondos económicos se incrementarán nun trinta por cento con respecto ao que se dispoñía en anteriores exercicios. Así, subliñou que serán 40 millóns de euros os que se repartirán os 60 concellos da provincia que se inclúen no Plan Concellos 2016.

Carmela Silva destacou que en 2015 foron 24 millóns os dedicados aos concellos e os seis millóns de libre disposición do presidente, fronte aos 40 millóns para o 2016, onde os criterios de repartición son transparentes e coñecidos por todos e todas. "A libre disposición do presidente é a espada do clientelismo, caciquismo e a discriminación, algo que agora eliminamos", sinala Silva.

A presidenta, que compareceu ante os medios acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, salientou que os concellos poderán determinar a elección dos investimentos e actuacións subvencionables que desexen realizar dentro das catro liñas de axuda coas que vai contar o plan: para investimentos, propios ou cofinanciados con outras administracións; para amortización de créditos bancarios, pagamento de débedas a acredores e pagos de gastos correntes; para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e actividades medioambientais; e a última das liñas, para a creación de emprego destinado ao funcionamento dos servizos municipais.

Dos 40 millóns de euros do plan, 16 millóns vanse repartir de xeito lineal entre sesenta concellos da provincia. Pontevedra e Vigo disporán de partidas distintas mediante convenios propios. Así, a cada concello vaille corresponder unha cantidade fixa de douscentos sesenta e seis mil seiscentos sesenta e seis con sesenta e sete euros (266.666,67 €), segundo indicou Carmela Silva.  Esta cantidade fixa sofre, de media, un incremento dun 31 % para os concellos, o que representará preto de cen mil euros máis ao ano. 

Os outros 24 millóns de euros do plan vanse repartir atendendo a tres criterios básicos: a poboación de cada concello, a súa superficie e os seus núcleos de poboación. Precisamente este último criterio, que se introduce para 2016, pretende primar a dispersión poboacional  e a dificultade de prestar servizos a estes núcleos illados.

Ademais, inicialmente estes 24 millóns de euros contan cunha distribución previa en tres grupos de concellos. Os concellos de menos de dez mil habitantes contarán con 7,2 millóns; os concellos de entre dez mil e vinte mil habitantes terán 9,6 millóns; e os concellos de entre vinte mil e cincuenta mil recibirán 7,2 millóns de euros.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, destacou como un orgullo o traballo feito para acadar un plan para todos os concellos con estas cantidades económicas e, sobre todo, "renunciar á libre disposición, que parecía unha tolería, renunciando expresamente a calquera discrecionalidade". Mosquera tamén subliñou o compromiso de permanencia deste plan e o respecto á autonomía total dos concellos.

Máis información