Noticias

O Plan Concellos 2016 chega ao 100% de concesións en Baiona cunha última contía para melloras na rede de saneamento

Os investimentos totais do plan provincial neste municipio do Val Miñor foron de 876.386,49 €


15 ago 2016

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar unha achega económica de

261.211,99 € para o concello de Baiona, que se destinará á rede de saneamento en diferentes zonas do municipio. Trátase dunha contía incluída na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016, que con esta achega queda completado ao 100% neste municipio do Val Miñor, cuns investimentos totais de 876.386,49 €.

Esta partida vén sumarse a outras xa aprobadas para Baiona dentro da liña 1, por un importe total de 385.123,05 €, para subministración de colectores e  dun vehículo destinado á recollida de lixo e outras actuacións. Na liña 3 -actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais- achegáronse 32.864,49 € para a Festa da Arribada, así como outros 197.186,96 € para a contratación de 26 traballadores e traballadoras municipais, ao abeiro da liña 4  dedicada á promoción de emprego.