Noticias

O Plan Concellos 2016 achega 200.000 € a Mos para a humanización do Camiño das Pozas

O goberno provincial entregou xa case o 48% do total destinado a Mos dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de case medio millón de euros


5 jun 2016

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres 3 de xuño, na súa Xunta de Goberno, unha nova axuda ao concello de Mos ao abeiro do Plan Concellos que o goberno provincial vén desenvolvendo neste exercicio 2016. Nesta ocasión, o concello da comarca de Vigo empregará esta achega para o desenvolvemento dun proxecto de humanización no Camiño das Pozas, situado entre San Mauro e o Pavillón Multiusos do municipio. Para este proxecto, o Plan Concellos aprobou a importante contía de 200.000 €. A actuación está enmarcada nunha das catro liñas que posúe o Plan provincial, concretamente á liña 1, aquela dedicada aos investimentos.

A esta dotación económica, malia ser a primeira enmarcada na liña de investimentos do Plan, habería que sumala ás anteriormente concedidas ao abeiro do Plan Concellos, que se concretan en diversas actuacións xa aprobadas, tamén en Xunta de Goberno da institución provincial, en cada unha das catro liñas que o compoñen. As achegas concedidas ata o momento son as seguintes: 33.304,29 € na liña 3 –actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais– para a promoción de hábitos saudables e prevención das drogodependencias (ao que se destinaron 2.190,98 €), a actividade "Mos Familiar" de ocio en familia (5.613,31 €), a formación inicial para intervención en voluntariado social (1.500 €), a Festa da Rosa (10.000 €), o Entroido municipal (7.000 €) e a Cabalgata de Reis (outros 7.000 €). Por outra banda, 192.761,22 € foron destinados á contratación de 20 traballadoras e traballadores que desenvolven os seus traballos en servizos municipais, na liña 4 destinada ao emprego. Neste Plan Concellos, foron os propios gobernos locais os que determinaron a elección dos investimentos e actuacións que desexan realizar dentro das catro liñas de axuda coas que contan.

No que levamos de ano, a Deputación provincial leva entregada case a metade, o 47,97%, do total destinado a Mos a razón do Plan Concellos 2016. Isto supón que, polo de agora, o investimento na vila foi de 426.065,21 € só no que atangue ao Plan Concellos. O concello de Mos ten unha inversión total de case 900.000 € ao abeiro desta iniciativa, concretamente 888.111,43 €. Supón 200.000 euros máis que no ano 2015, case un 30% máis que co goberno anterior, o que converte a Mos nun dos municipios máis beneficiados economicamente por esta liña de axudas aos concellos da provincia de Pontevedra.

Cómpre lembrar que o reparto dos fondos dispoñibles levouse a cabo atendendo a varios criterios como son o número de habitantes por concello e, ademais, incluíu variables respecto aos núcleos de poboación –neste caso por vez primeira– e as superficies dos mesmos. En 2016, ademais, incrementouse o presuposto nun 30%: dos 30 millóns destinados en 2015, sendo 24 millóns destinados aos concellos e outros 6 de libre disposición do presidente, pasouse aos 47 millóns, eliminándose a libre disposición dos exercicios anteriores. Así mesmo, o grao de execución global da liña 1 do Plan Concellos sitúase na actualidade nun 49,3%, unha altísima porcentaxe que se traduce na cantidade de 11.528.926 €.