Noticias

O Plan Concellos 2016 a día de hoxe está ao 94% de execución con 37 millóns de euros investidos na provincia

Dos 60 municipios da provincia que integran o Plan Concellos, 42 xa teñen completado o 100% das catro liñas de actuación


15 set 2016

A día de hoxe, o Plan Concellos 2016 sitúase ao 94% de execución nas súas catro liñas de actuación (1 de investimentos; 2 de gastos correntes, amortización e pagamento de débedas; 3 de actividades deportivas, culturais, musicais e medioambientais; e 4 de plan de emprego). As liñas 2, 3 e 4 xa están ao 100%, mentres que a liña 1, que é a que aínda non está finalizada, xa se atopa ao 90%. Isto supón que, na actualidade, 37 millóns de euros da Deputación de Pontevedra xa están  investidos nos concellos a través deste plan provincial de actuacións.

Dos 60 concellos da provincia que integran o Plan Concellos, a día de hoxe hai 42 que xa teñen concedido o 100% das catro liñas e os 18 que non o completaron estarán ao 100% nas próximas semanas, xa que a maioría deles están xa agora arredor do 90%. Estes 18 concellos son Caldas de Reis, O Grove, Ribadumia, Meaño, Marín, Rodeiro, O Porriño, Moaña, Gondomar, Cuntis, A Guarda, Vilanova de Arousa, Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas, Oia, Ponte Caldelas e Lalín. Varios destes municipios estarán xa ao 100% de execución a vindeira semana, posto que na seguinte Xunta de Goberno está prevista a aprobación dos  investimentos que lles faltan.

O Plan Concellos 2016, a día de hoxe, leva investidos 37 millóns de euros, dos 40 millóns previstos, nos 60 municipios da provincia incluídos neste plan provincial. Só queda por completar a liña 1 de investimentos, que se encontra xa ao 90% con case 25 millóns de euros destinados para investimentos nos  municipios.

Dentro das políticas de apoio aos concellos dende a Deputación, cómpre lembrar ademais que, aos 40 millóns de euros do Plan Concellos, hai que sumarlle todas as axudas dos distintos servizos provinciais -servizos sociais, deportes, xuventude ou cultura, entre outros-, que sitúan por enriba dos 60 millóns de euros a cifra total de investimentos este ano nos concellos da provincia.