Noticias

O Plan Compost Revitaliza da Deputación, elixido pola Comisión Europea como experiencia relevante de compostaxe

O vicepresidente, César Mosquera, sinalou que o Eurostat publicará os datos do proxecto pontevedrés, seleccionado "por supoñer unha alternativa real ao tratamento de lixo"


16 feb 2016

O Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra acaba de ser proposto pola Comisión Europea como experiencia relevante de compostaxe na UE. Os datos deste programa provincial, posto a andar polo vicepresidente, César Mosquera, serán publicados no boletín da Oficina Europea de Estatística, coñecida como Eurostat, e poderán ser consultados desde os 27 países membros.

O propio vicepresidente explicou hoxe que o motivo da selección se debeu a que a Comisión Europea precisa información de proxectos reais que sexan unha alternativa ao tratamento de residuos obrigado por normativa. "O Plan Compost é a primeira experiencia europea das súas características. Moitos plans non teñen o volume e a importancia requiridas pola Comisión Europea, pero nós agardamos chegar a unhas 250.000 persoas en catro anos, un cuarto da poboación da provincia. O noso procedemento está resultando modélico, un referente e un foco ao que van poder mirar outras localidades", subliñou Mosquera.

O asesor provincial en materia de residuos, Carlos Pérez, asegurou, pola súa banda, que, logo da proposta da Comisión Europea, a denominación do Plan Compost como experiencia relevante debe ser aprobada polo Parlamento Europeo. Posteriormente, o boletín de estatística da UE irá dando a coñecer a información subministrada desde a Deputación de Pontevedra sobre como se está a aplicar a compostaxe nos concellos da provincia: o seu éxito, a súa continuidade ou o seu respaldo social, entre outros aspectos. "Trátase de facer públicos os datos de xeito sistemático, regrado e trazable. É un reto para nós porque os requirimentos da UE para publicar en Eurostat son moi esixentes, o que nos "porá as pilas" máis no noso traballo", apuntou Pérez.

Compostaxe de algas

O vicepresidente provincial tamén anunciou onte a aposta da Deputación de Pontevedra pola compostaxe de algas. Sinalou que varias confrarías da ría participarán nas conferencias da "Facultade da compostaxe" para expoñer o traballo que están facendo puntualmente neste sentido. De feito, Mosquera apuntou que o problema da compostaxe de algas, a día de hoxe, é que non está ordenado, polo que hai moito traballo de soporte técnico-loxístico e asesoramento por facer. "Parécenos interesante actuar neste sentido, xa que non hai nada dende a Xunta nin noutras administracións. Os concellos de Poio e Pontevedra levaban as algas das praias a Ecocelta, que producía un compost de alta calidade, pero pouco máis", explicou o nacionalista.

Neste sentido, Carlos Pérez explicou que o sector marisqueiro é fundamental para a economía galega, e a presenza de algas nos bancos pode supoñer perdas económicas importantes cando produce a mortaldade das larvas. "Antes abonábase a terra coas algas. Era algo habitual e perdeuse. Hai que recuperar ese coñecemento para que se faga ben e con continuidade, non de xeito puntual, porque as algas están moi asociadas á inquietude que xorde no verán no sector turístico, pero aquí inflúe máis no sector marisqueiro, que está a sufrir especies invasoras", subliñou o técnico.

Máis semanas na "Facultade da compostaxe"

En canto á "Facultade da compostaxe", na que se están a formar as mestras e os mestres composteiros que se encargarán dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que a Deputación repartirá entre os concellos, o vicepresidente Mosquera explicou que se prolongará dúas semanas máis. Esta ampliación débese a que se quere analizar todo o proceso práctico da compostaxe nos composteiros dinámico e estático que se instalaron en Príncipe Felipe. Esas últimas semanas serán cruciais para que os alumnos vexan os resultados e poidan facer as análises técnicas que lles dean a experiencia que poderán aplicar posteriormente. "Queremos que saian expertos curtidos e experimentados que se responsabilicen do seu traballo", subliñou.

Para explicar o módulo de formación desta semana na "Facultade da compostaxe" falou tamén hoxe o investigador e asesor Ramón Plana, responsable da coordinación das clases. Plana destacou o alto nivel de formación que están a recibir estes alumnos, non só desde o punto de vista teórico, con relatores de gran nivel, senón desde o punto de vista práctico. "A compostaxe non só se aprende nos libros, hai que ver na práctica os problemas e as capacidades. Non existe nada deste estilo en todo o Estado e, dende o punto de vista dos alumnos, é para ter envexa do que aquí están a facer. O que fai a Deputación para formar os bolseiros é un esforzo a destacar", sinalou.