Noticias

O peche das escolas deportivas de balonmán da Deputación de Pontevedra reúne a 2.000 nenas e nenos da provincia no macro torneo en Vigo

A presidenta Carmela Silva agradeceu a todas e todos a súa participación e ás integrantes do Atlético Guardés e do Porriño por colaborar na entrega das medallas


03 xuño 2017
Deportescolas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez, presidiu este sábado o acto de clausura da novena edición de "Balonmán na Rúa", o macroevento deportivo con motivo do peche das "Deporte Escolas" de balonmán da institución provincial, no que participaron máis de 2.200 persoas entre o persoal encargado da arbitraxe, adestramento, acompañamento das e dos menores e voluntariado xunto cos propios rapaces e rapazas que competiron no torneo.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, que participou na entrega das medallas ás nenas e nenos xunto co alcalde, Abel Caballero, o presidente da Federación, o deputado provincial, Santos Héctor, e o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández, agradeceu a todas as nenas e nenos a súa participación no torneo e tamén tivo palabras de agradecemento para as nais e pais de toda a cativada, así como para todas as monitoras e monitores dos distintos clubs que interviren.

Pero especialmente referiuse as integrantes do Atlético Guardés e do Porriño, que no quixeron perderse a festa do balonmán na rúa participando na entrega das medallas a todas as persoas participantes.

En Vigo déronse cita uns 1.800 nenas e nenos en representación de 23 clubs da provincia de Pontevedra, practicamente o total das e dos existentes. A competición comezou ás 10 horas da mañá e enfrontou a 138 equipos de 28 concellos da provincia que foron arbitrados por 30 colexiadas e colexiados. O torneo tivo lugar na rúa Areal da cidade olívica, onde a organización acondicionou catorce campos de balonmán que se distribuíron ao longo de toda a rúa, que permaneceu pechada ao tráfico para a ocasión. Xogáronse un total de 349 partidos.

En concreto, participaron nesta edición do "Balonmán na Rúa" 11 equipos na categoría prebenxamín mixta, 52 na benxamín mixta, 53 na alevín mixta, 10 na infantil feminina e 12 na infantil masculina. As rapazas e rapaces chegaron a Vigo a bordo de 20 autobuses, que facilitou a Deputación, desde A Guarda, Gondomar, Tomiño, Tui, O Rosal, A Cañiza, Ponteareas, O Porriño, Meaño, O Grove, Pontevedra, Meis, Bueu, Rodeiro, Lalín, Redondela, Cangas, Moaña e da propia cidade de Vigo.

O programa da Deputación de Pontevedra conta con máis de 2.700 nenas e nenos inscritos nas 148 "Deporte Escolas" de balonmán, que son de balde.