Noticias

O Pazo provincial da Deputación tinguirase de vermello con motivo do Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares

A institución provincial súmase a ASEM GALICIA, Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, iluminando este luns o Pazo Provincial


14 novembro 2021

A Deputación de Pontevedra iluminará de vermello o seu Pazo Provincial desde as 19h deste luns ata as 20h do martes ao abeiro da conmemoración do Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares, que terá lugar este 15 de novembro. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de ASEM, organización que representa ás persoas que sofren esta doenza e as súas familias.

A través desta iniciativa preténdese dar visibilidade a este conxunto de enfermidades, máis de 150, cuxa principal característica é a perdida da forza muscular. A cor vermello que tinguirá o Pazo provincial identifica a doenza como mostra de apoio ás persoas afectadas e as súas familias, amais de ser un reclamo en tempos de pandemia, onde tantas doenzas quedaron relegadas a un segundo plano.

As enfermidades neuromusculares son, na súa maioría, de natureza progresiva e de orixe xenético. Trátase de enfermidades crónicas, moitas delas dexenerativas, que xeran diferentes graos de discapacidade e perdida de autonomía persoal e cargas psicosociais. A gran problemática que presentan é a escaseza de tratamentos, pois moitos dos que están a nosa man son paliativos e non curativos.

En España existen máis de 60.000 afectados por ENM, englobadas dentro das denominadas enfermidades raras, investígase activamente para determinar as causas e a orixe da súa aparición.