Noticias

O Pazo provincial da Deputación tínguese de verde este venres polo Día Nacional da Artrite

A institución únese á campaña "Outubro é meu mes, axúdasnos a que nos vexan?", que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite


01 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo provincial desde as 20:30 horas deste venres ata as 7:30 da mañá do sábado ao abeiro do Día Nacional da Artrite. Deste xeito a institución provincial únese á campaña "Outubro é meu mes, axúdasme a que nos vexan?" que desde 2009 organiza a Coordinadora Nacional da Artrite da man de entidades de todo o Estado como a Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO).

A través desta iniciativa preténdese darlle visibilidade a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite, así como ás persoas enfermas, concienciando á sociedade sobre as dificultades coas que se atopan no día a día e dando a coñecer estas patoloxías, descoñecidas para a maior parte da poboación.

En España a artrite reumatoide afecta a 420.000 persoas, das que 27.000 se atopan en Galicia. Segundo a Enquisa AR2020, o 56,8 % das que o padecen, presentan unha alta actividade segundo parámetros clínicos; e o 49,2 % amosa unha total incapacidade ou grandes dificultades para coller ou levantar peso, que se reduce ao 27,8 % no caso da realización das tarefas propias do seu traballo e ao 24,2 % no feito de subir e baixar escaleiras.