Noticias

O pazo provincial acollerá os días 18 e 19 de outubro o congreso Vyodeal que porá en valor "a estrada local como espazo público"

O simposio, que a Deputación organiza xunto á Asociación Española de la Carretera, reunirá ás maiores expertas e expertos en mobilidade e contará coa presencia de Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana


08 outubro 2021
Carmela Silva

Tralo seu protagonismo no recente Foro Urbano de España celebrado en Sevilla, o  modelo de mobilidade sostible e amable da Deputación de Pontevedra volve ser referendado cunha nova cita ao máis alto nivel nacional, na que a institución provincial amosará o seu xeito de transformar o territorio dando prioridade á recuperación do espazo público para as persoas. Deste xeito, o Pazo Provincial acollerá os vindeiros 18 e 19 de outubro a 25 edición co Congreso Vyodeal, do que Deputación será anfitrioa xunto á Asociación Española de la Carretera, e que reunirá no Salón de Plenos aos e ás maiores expertas en mobilidade do Estado para falar da "Estrada Local como Espazo Público".

"Vai ser unha xornada moi potente –subliñou a presidenta Carmela Silva- onde de novo a Deputación de Pontevedra amosarase como unha gran referencia no Estado nos asuntos que teñen que ver coa mobilidade". Na apertura desta cita xa está confirmada a participación da secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, así como a do presidente da Asociación Española da Carretera, Juan Francisco Lazcano, o presidente da FEMP, Abel Caballero, e o xefe de Área de Xestión de Mobilidade da Dirección Xeral de Tráfico, Pedro Tomás. A inauguración contará coa presencia da presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, mentres que na clausura intervirá tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Así mesmo, ao longo das dúas xornadas participarán representantes da mobilidade e infraestruturas de administracións locais de administracións de todo o estado como o Concello de Valencia ou as Deputacións de Barcelona, Valencia, Girona, Cuenca, Alacante, Toledo, Valladolid e do Cabido de Tenerife. No congreso intervirán tamén os deputados provinciais de Mobilidade, Uxío Benítez, e de Infraestruturas, Gregorio Agís, con sendas ponencias.

"Seguimos a ter –engadiu a presidenta provincial- unha enorme capacidade de referenciarnos a nivel galego nacional e internacional na relación que ten que ver con esa transformación necesaria para apostar por democratizar o espazo público, que ten que ser coas persoas".

Neste senso, Carmela Silva anunciou que nesa mesma semana, os días 21 e 22 de outubro, a Deputación tamén está invitada en Zaragoza a participar na sexta edición do "Encontro de Cidades para a Seguridade Viaria e a Mobilidade Sostible", organizado pola Dirección Xeral de Tráfico, o Concello de Zaragoza e a FEMP. A presidenta provincial participará nunha das charlas previstas neste simposio, que nesta edición ten como tema "Cidades 2030" e que está concibido como foro de encontro e debate para o análise da mobilidade e a seguridade viaria urbana, ao fin de difundir, promover e impulsar boas prácticas e experiencias de seguridade viaria e mobilidade sostible.  "Seguiremos a participar nestes eventos –sinalou a presidenta-, porque a Axenda 2030 e a mobilidade sostible van ser amais dous dos grandes eixos dos Next Generation, os Fondos Europeos. E a Deputación vai estar aí aportando o seu coñecemento e asumindo así mesmo as ideas que se están a desenvolver noutros lugares, para implementalas".