Noticias

O ORAL coordina cos concellos da provincia o reinicio da liquidación do imposto local de plusvalía

O servizo da Deputación convoca para o martes 23 unha reunión telemática cos 26 concellos que teñen delegada a xestión para o cobro e ingreso do imposto a fin de informar sobre a situación derivada da recente sentenza do TC sobre este tributo


20 novembro 2021
ORAL informa

O ORAL da Deputación de Pontevedra ten convocada unha xuntanza telemática urxente cos 26 concellos que teñen delegada na institución provincial a recadación do imposto local da plusvalía para o vindeiro martes 23 de novembro, a fin de informar detidamente sobre as consecuencias da situación derivada da recente sentenza do Tribunal Constitucional que declarou nulos os artigos que facían referencia á forma de cálculo da base impoñible do imposto de incremento de valor dos terreos de natureza Urbana (plusvalía).

Como consecuencia desa sentenza, o ORAL da Deputación Pontevedra tivo que paralizar os procedementos de liquidación e recadación que afectan ao citado imposto local neses 26 concellos da provincia que teñen delegadas as xestións para o cobro e ingreso aos mesmos. Tendo en conta a recente aprobación do Real Decreto Lei 26/2021, o ORAL abordará nesta xuntanza tanto as consecuencias do fallo xudicial como o calendario que se manexa a efectos de que por parte dos Concellos se adopten no seu caso os acordos que permitan levar a cabo os traballos de liquidación coas suficientes garantías legais.

Así mesmo, o ORAL informará da situación que se deriva das liquidacións pendentes e dos efectos que se pode derivar das que se atopan en procedemento de recadación.

NOTICIAS PLUSVALÍA MUNICIPAL