Noticias

O novo servizo de SmartPeme dirixido ao terceiro sector toma impulso coa realización este mércores dun webinario da directora da Fundación Change.org en Europa

A pontevedresa Irene Milleiro falará nesta charla sobre a importancia da transformación dixital no ámbito das entidades de acción


20 outubro 2020
Webinar transformación dixital

O novo servizo do programa de asesoramento tecnolóxico SmartPeme da Deputación de Pontevedra dirixido ás entidades do terceiro sector toma impulso coa realización do webinario que ofrecerá este mércores 21 de outubro a directora xerente da Fundación Change.org para Europa, a pontevedresa Irene Milleiro. Esta charla emitirase vía telemática a través de Zoom, ás 19 horas, e nela, Milleiro falará sobre a importancia da transformación dixital no ámbito do terceiro sector.

Este novo servizo de SmartPeme dedicado ao terceiro sector, que se puxo en marcha este verán, está dirixido a entidades da provincia que desenvolvan as súas actividades no ámbito dos dereitos, a participación cidadá e/ou as necesidades sociais, ás que lles ofrece asesoramento personalizado gratuíto en materia de competitividade e tecnoloxía, a fin de axudarlles a mellorar a súa eficiencia e o seu impacto na sociedade.

A relatora do webinario, Irene Milleiro, é licenciada en Dereito, máster en Dereitos Humanos e Democracia e experta no uso da comunicación e a tecnoloxía para o impulso de cambios sociais. Antes da súa vinculación á plataforma Fundación Change.org, traballou coma directora de Campañas e Estudos de Intermón Oxfam e na Unidade de Dereitos Humanos da Comisión Europea en Bruxelas. Persoa integrante das Top100 mulleres líderes en España, obtivo o Premio Mulleres a Seguir na categoría de Comunicación en 2017. Na súa intervención, a pontevedresa abordará a importancia da dixitalización nas entidades do terceiro sector, non só no ámbito do márketing e a captación de novas persoas usuarias, se non tamén para a mellora da xestión.

A charla divulgarase a través da ferramenta Zoom, previa inscrición nun formulario dispoñible na páxina web de SmartPeme (con ligazón directa a través do enderezo https://acorta.depo.gal/tercersector). En caso de dúbida, as persoas interesadas poden dirixirse a SmartPeme a través do enderezo electrónico info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 202.