Noticias

O novo proxecto de seguranza viaria para a estrada Serrapio-Portela aumenta a lonxitude de actuación a dous quilómetros

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que o investimento provincial para mellorar esta vía en Cerdedo-Cotobade supera os 240.000 euros


25 setembro 2017
Serrapio-Portela

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar a contratación dun novo proxecto para mellorar a seguranza viaria na estrada provincial EP-7102 Serrapio-Portela, en Cerdedo-Cotobade. Segundo explicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, este proxecto incrementa tanto a superficie de actuación –a unha lonxitude de dous quilómetros– como o investimento inicialmente previsto, chegando aos 240.000 euros.

Esta nova proposta de actuación vai supoñer a mellora do firme actual, a limpeza e roza das marxes (reperfilando as cunetas), a instalación de redutores físicos de velocidade, un ensanche de toda a vía existente ata os sete metros de sección (salvo no núcleo de Aldea de Bugarín), así como a consolidación dos noiros e terras existentes para evitar os arrastres en épocas de chuvias.

Os 1,920 quilómetros do ámbito de actuación do proxecto divídense en seis treitos diferenciados. No primeiro (do PQ 0+000 a 1+440) pavimentaranse os sete metros de largo do firme existente para crear dous carrís de tres metros de largo e unha beiravía de 0,50 metros a cada lado. Haberá un estreitamento puntual da sección na ponte, onde se colocarán dous redutores físicos de velocidade á entrada e saída, reducindo a velocidade a 30 quilómetros por hora e sinalizando a presenza do estreitamento.

Nos trescentos metros do segundo treito, que coincide co núcleo de vivendas de Aldea de Bugarín, colocaranse outros dous redutores de velocidade á entrada e á saída, e renovarase o firme, mantendo o largo actual pola existencia de edificacións. No terceiro treito ensancharase a vía, pasando dunha sección de 4,5 metros a 7 metros, para o que será preciso un recheo que permita o sobreancho.

No cuarto treito (PQ 1+800 a1+890) pavimentaranse os sete metros de largo da variante existente en xabre, creando os dous carrís que continúan a plataforma. Nos sobreanchos do tramo, para solucionar o problema do arrastre dos finos do xabre existente, procederase a retirar este e repoñerase con xabre. Ademais, debido ao terraplén existente na zona da variante, instalaranse barreiras de seguridade a ambos lados da plataforma. No último treito ensancharase a vía ata os sete metros xenéricos para toda a estrada.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que este proxecto para a estrada EP-7102 foi redactado polos servizos técnicos da Deputación en substitución do proxecto do anterior Goberno provincial, para o que o parque de maquinaria estaba a facer desmontes e habilitar pistas en xabre, coa intención de contratar os asfaltados en diferentes fases. O proxecto inicial foi desestimado por diferentes irregularidades e o novo Goberno decidiu redactar ex novo unha actuación que mellorase a infraestrutura de xeito máis amplo.

A nova proposta de mellora ten un orzamento de 240.822, 60 euros e prevese que, unha vez formalizados todos os trámites da contratación (que acaban de iniciarse), a obra estea executada nun prazo de tres meses.