Noticias

O novo modelo de conservación de firmes para as estradas provinciais estará operativo a principios de verán

O Pleno aproba mañá as adxudicacións de cinco lotes de obras para investir 4,4 millóns de euros anuais no mantemento da rede viaria da Deputación


05 abril 2018
Uxío Benítez

O novo modelo de conservación de firmes para as estradas provinciais estará operativo a principios de verán. Segundo explicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o Pleno aprobará mañá as adxudicacións de cinco lotes de obras para investir ata 4,4 millóns de euros anuais na rede viaria da Deputación dentro dun novo acordo marco.

Este novo acordo marco supón unha nova fórmula de xestión para obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial, tales como corrixir fochancas, pavimentos esvaradíos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos (entre outras) de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas dentro dun contrato conxunto.

Coa nova planificación a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán responsables das obras de mellora de firme necesarias. Non será necesario reiniciar todo o proceso de contratación cada vez que se produza unha incidencia que dane a pavimentación dunha estrada nun ámbito concreto (un temporal, lumes, accidentes…), senón que só será preciso xustificar cada actuación tecnicamente para que a empresa responsable de cada área realice a obra.

Segundo explicou Benítez, o acordo marco prevé un gasto máximo total que alcanza os 4,4 millóns anuais para a provincia. En función das necesidades concretas iranse redactando memorias de actuación derivadas (en ningún caso se mellorará a totalidade da lonxitude dunha estrada, senón sempre treitos acoutados e xustificados) e utilizando o orzamento. Hai posibilidade de prórroga dos contratos coas empresas adxudicatarias ata 2021, cando o investimento podería chegar a 19,6 millóns de euros.

No proceso de contratación do acordo marco houbo 15 empresas que presentaron as súas correspondentes ofertas, moito máis económicas que o prezo de licitación inicial. A intención da Deputación é a de empregar o total do orzamento autorizado, polo que co mesmo importe poderán realizarse moitas máis obras das previstas. O feito de que sexa o Pleno da Corporación o responsable de aprobar as adxudicacións no día de mañá en lugar da Xunta de Goberno débese, unicamente, á alta contía do orzamento consignado.

A efectos prácticos, o novo acordo marco permitirá que, a partir do verán, –unha vez se formalicen os contratos coas adxudicatarias– se vaian executando obras menores en toda a provincia de xeito máis áxil desde que se detectan as deficiencias nas estradas. Os servizos técnicos do Departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez, de feito, xa teñen preparados varios proxectos derivados para os que só faría falta a tramitación dos correspondentes plans de seguridade e saúde.

Empresas adxudicatarias

O primeiro dos cinco lotes de obras de mantemento e conservación de firmes na provincia corresponde á rede de estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. O orzamento de execución é de 1.026.478,92 euros, e finalmente a adxudicación foi para ‘Ovisa, Pavimentos y Obras SLU'.

O lote número dous inclúe os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de 711.896,06 euros e adxudicación para ‘Obras, Caminos y Asfaltos SA'.

O terceiro lote agrupa aos concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis, cun orzamento de 1.120.051,36 euros e adxudicación para ‘Nexia Infraestruturas SLU'.

O lote número catro inclúe a Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra de Miño, cun orzamento de 802.313,15 euros e adxudicación para ‘Civis Global SL'.

Finalmente, o lote cinco corresponde aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros e adxudicación para ‘Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa SL'.


Novas relacionadas