Noticias

"O novo acceso a Príncipe Felipe dignifica as instalacións, achega máis seguranza viaria, calidade urbana e modernidade"

Deputación e Concello inauguraron hoxe a nova glorieta para calmar o tráfico na subida a Montecelo desde a PO-532 e o control de entrada á cidade infantil


21 febreiro 2019
Acceso a Príncipe Felipe

"O novo acceso a Príncipe Felipe dignifica as instalacións da cidade infantil, achega máis seguranza viaria, calidade urbana e modernidade". Así resumiu hoxe a deputada delegada Eva Vilaverde a mellora da entrada ás instalacións de Príncipe Felipe nunha inauguración na que tamén estiveron presentes o vicepresidente da Deputación César Mosquera, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores.

Vilaverde subliñou que a construción da nova glorieta de acceso cumpre o obxectivo prioritario de calmar o tráfico na subida a Montecelo desde a estrada PO-532, xa que ordena o paso de vehículos en sentido circular con dispositivos redutores de velocidade e regula as entradas e saídas das instalacións provinciais que antes se facían nunha zona de curva.

A deputada lembrou que o proxecto plantexouse na chegada ao Goberno da Deputación, cando se detectou un problema claro de seguranza viaria, de ausencia de mobilidade peonil e accesibilidade ao que había que dar solución. "Para unha persoa coma min que penso que é obrigado aproveitar a xestión pública hoxe é un día de satisfacción porque despois de ver un problema e analizar cal podía ser a solución, a implementamos. E se por encima se esa solución queda bonita, que máis imos dicir!", dixo en referencia á estética final do deseño.

Vilaverde lembrou que das instalacións de Príncipe Felipe saen e entran centos de persoas todos os días para traballar, así como as persoas usuarias dos centros e os seus familiares, tanto en coche como camiñando, que agora teñen un acceso apropiado e seguro. "Había problemas de circulación e non había por onde pasar andando. Con esta actuación incluso podemos falar dunha dignificación do centro. Esta obra dignifica o que hai en Príncipe Felipe. Parece que lle damos luz, lle damos modernidade que é o que merece Príncipe Felipe", finalizou.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera destacou que pola estrada que pasa fronte a Príncipe Felipe pasaban coches a 70 e 80 quilómetros por hora, polo que era preciso poñer "mans á obra". Igual que Vilaverde, o nacionalista destacou os estándares de calidade da actuación, semellantes aos utilizados en calquera outro lugar da cidade. De feito, agradeceu o esforzo do persoal técnico, especialmente o traballo do arquitecto Jesús Fole e do xefe de obra Jaime Ruibal, enxeñeiro da Deputación "que é un auténtico ‘forofo' coidando os detalles ao máximo".

Luminarias únicas

Como anécdota e demostración de como se enfocou a obra, o vicepresidente Mosquera mencionou as luminarias que rodean á glorieta e sinalou que o farol central é un prototipo único inspirado nos de Luis Rocafort de Sanxenxo. "Esta estética di moito, evítanse os brazos e os báculos invasivos para acadar unha solución de calidade para o espazo público, que debe ter un tratamento mimado como o privado, con solucións moi ‘detallistas'", argumentou. Tamén mencionou a caseta de control de vixilancia, "que dá un aire de actualidade, modernidade e utilidade, igual que a porta de entrada".

Mosquera adiantou que a mellora da estrada seguirá tanto cara á zona baixa, onde a vía enlazará coa rolda leste, como cara arriba, cara á futura estrada perimetral a Montecelo creando espazos de calidade "para seguir mellorando a cidade".

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores subliñou que dentro do orzamento de 417.435,81 euros polo que foi adxudicada a obra non só se construíu a glorieta e a caseta de acceso ou o portón de entrada, senón que tamén se instalaron as canalizacións de servizos: pluviais, abastecemento, saneamento, e se soterraron as liñas de electricidade e telecomunicacións. "Debaixo hai moito traballo de canalizacións que despois non será preciso tocar e que se conectarán coa continuidade desta vía nos accesos a Montecelo dende o nó do Marco e da rede perimetral de estradas arredor do hospital", subliñou.

Lores manifestouse encantado da "altísima calidade" da obra e destacou que o persoal técnico "deulle un toque absolutamente diferente que forma xa parte do modelo Pontevedra de facer as cousas para que sexan un referente". Falando tamén sobre as luminarias, indicou que as de Príncipe Felipe, igual que as do centro histórico, estenderanse por toda Europa. "Hai que dicilo con todo o orgullo: moitos centros históricos de cidades importantes están a apostar por tecnoloxía que se está a desenvolver en Pontevedra, con empresas de Pontevedra e persoal técnico de Pontevedra. Ese é o camiño do futuro", dixo.

Finalmente, o alcalde capitalino salientou que a reforma de acceso a Príncipe é un primeiro chanzo dun cambio nos modelos de mobilidade na zona . "É imprescindible primar a seguranza viaria, na que somos pioneiros na redución de accidentes. O novo acceso a Príncipe Felipe é un exemplo de calmado de tráfico e de dar prioridade á mobilidade peonil. Esa é a clave", rematou.

Fotos