Noticias

O Museo sigue de récord: nova mellor cifra de visitantes nun mes de setembro na última década

Os principais edificios recibiron máis de 20.000 persoas, con días ‘pico' de arredor de 1.300 visitas


04 outubro 2021

O Museo de Pontevedra sigue de récord: o pasado mes volveu acadar a mellor cifra de visitantes dos meses de setembro da última década. Polas portas dos diferentes edificios do Museo entraron máis de 20.000 persoas (20.162), un número, aínda que sensiblemente inferior ao do mes de agosto, que amosa a consolidación da institución como referente e punto de atracción turístico non só nos meses centrais do verán.

O vicepresidente, César Mosquera, responsable do Museo, manifestou a satisfacción da Deputación pola resposta do público. Destacou que había certas dúbidas sobre como ía responder a xente na visita a espazos pechados tralos momentos máis graves da pandemia, mais apuntou que os datos deste verán amosan que había grande interese por coñecer o Museo, superando incluso con creces as cifras anteriores á COVID-19.

"Estamos moi contentos. Non queremos aglomeracións, todo na súa xusta medida e sempre garantindo a calidade das visitas, pero sabemos que o Museo é o gran descoñecido, é o museo máis potente de Galicia e ten moito atractivo e potencial aínda por desenvolver incluso de maneira desestacionalizada", destacou.

Hai que lembrar que xa o mes de xullo fora o mellor en visitas dos últimos cinco anos, con 22.591 persoas visitantes, mentres que o mes de agosto chegou ás 41.869, o que superou en máis de 2.500 a cifra máxima acadada no mesmo mes de 2011. No mes de setembro déronse xornadas con picos de preto de 1.300 .

En canto á procedencia das e dos visitantes individuais do mes de setembro, a meirande parte foron galegas e galegos, se ben tamén houbo unha grande afluencia da Comunidade de Madrid, Andalucía, Cataluña, País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana. Do estranxeiro principalmente houbo chegadas de Portugal, seguido de Francia, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Países Baixos, Reino Unido, Bélxica, ou Arxentina incluíndo tamén orixes máis exóticas coma Xapón, Exipto, El Salvador, Corea do Sur, Canadá, Australia ou Sudáfrica, entre moitas outras.

Nos números das visitas incluíronse todas aquelas persoas que pasaron polas exposicións nos edificios Castelao e Sarmiento (‘Mulleres. Entre Renoir e Sorolla' –aínda aberta-, ‘Pop–Up. Libros móbiles e despregables' –a que máis público contabilizou– e ‘Novos Valores 2021. Obra Seleccionada'), sumadas á afluencia ás ruínas de San Domingos, ás actividades e actos (concertos, obradoiros, contacontos…), así como tamén ás persoas que utilizan a sala de investigación do Edificio Fernández López.