Noticias

O Museo retoma o obradoiro familiar para interpretar cadros da súa colección a través do teatro

A actividade ‘Desde dentro do cadro. Das artes plásticas ao teatro' fora cancelado en marzo de 2020 pola pandemia


15 novembro 2021

O Museo de Pontevedra vai retomar o novidoso obradoiro destinado a público familiar que pretende interpretar teatralmente algúns dos cadros da súa colección logo da sua cancelación en marzo do ano pasado a causa do inicio da pandemia. Esta actividade desenvolverase o vindeiro 4 de decembro de de 10.30 a 13 horas e de 17 a 19.30 horas, estando aberto xa o prazo de preinscrición para público familiar (persoas adultas e crianzas de máis de sete anos).

Este obradoiro didáctico é unha actividade multidisciplinar de observación e investigación artística e creación teatral. As persoas participantes realizarán unha viaxe fascinante desde un cadro do Museo de Pontevedra a unha peza teatral creada e interpretada por elas mesmas, axudadas por unha experta en novas tecnoloxías. Trátase dun camiño a través do que a arte exhibida nas paredes da institución museística provincial cobrará vida.

A actividade dividirase en catro partes. A primeira parada (aterraxe) consistirá nunha visita guiada para iniciar o período de observación dentro das instalación do Museo: da man dunha persoa experta xogarase con ferramentas teatrais que se utilizarán nas seguintes fases - dinámicas de conciencia corporal, expresión, voz, improvisación…-.

Na segunda parada (denominada vínculo) as persoas asistentes elixirán unha obra de arte en grupos de catro persoas, iniciando así o proceso de conexión e investigación, trasladando o que evoque a peza elixida a un escrito ou un debuxo. Cada equipo destinará o seu tempo para investigar os máximos datos posibles sobre a obra e o seu autor, utilizando as novas tecnoloxías.

A terceira parada (creación) será o punto central: mediante a conciliación de opinións as e os asistentes elixirán que escena teatral queren crear respecto ao cadro, xa ben a que está na propia imaxe do cadro, un momento antes, ou o que pasará dez anos despois. Guiados pola persoa experta, estruturán a historia e repartiranse os personaxes para comezar os ensaios.

Finalmente, na fase denominada ‘vida', chegarase ao destino final, dando vida ás escenas e converténdose en espectadores das e dos compañeiros. Para despedirse pecharase o obradoiro cun debate sobre aprendizaxes, sensacións e emocións.

O número máximo de participantes admitidos será de 20. A participación é gratuíta pero é preciso inscribirse a través do correo electrónico educacion.museo@depo.gal. A organización aconsella acudir preparado con roupa cómoda e algún dispositivo electrónico como tablet ou teléfono móbil.