Noticias

O Museo retoma o Curso de Apreciación Musical 2020 con menos aforo presencial e retransmisión en directo na web

Realizaranse dous pases de cada ciclo, venres pola tarde e sábado pola mañá nas instalacións do Sexto Edificio, para os que é preciso retirar convite


01 outubro 2020
Curso de apreciación musical

O Museo de Pontevedra anuncia hoxe, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Música, a súa intención de retomar as audicións do Curso de Apreciación Musical, un dos seus eventos de maior afluencia de público, que neste 2020 non chegou a iniciarse por mor do confinamento do pasado mes de marzo.

A principal novidade será que se reducirá a asistencia presencial de 250 a 44 persoas por sesión, mais para compensar a baixada do aforo debido aos protocolos motivados pola COVID-19 e  atender ao maior número de persoas, cada un dos catro ciclos que compoñen o curso realizaranse en dous pases. Isto é, celebraranse en dúas fins de semana con sesións os venres ás 19 horas que se repetirán os sábados ás 11.30 horas. Ademais, as actividades poderanse seguir os venres en streaming a través de www.museo.depo.gal.

Para facilitar a organización dos pases, que serán impartidos polo profesor Manuel López-Benito, o martes anterior á celebración de cada ciclo as persoas interesadas poderán recoller a súa invitación na recepción do Sexto Edificio para a sesión que prefiran, o venres pola tarde ou o sábado pola mañá, cun máximo de dúas entradas por persoa.

No programa incluiranse actividades sobre ‘A música e o seu contexto histórico', a desenvolver os 9-10 e 16-17 de outubro; ‘Os instrumentos da orquestra', os 23-24 e 30-31 de outubro; ‘Grandes obras da música clásica', os 13-14 e 20-21 de novembro; e finalmente ‘A ópera e as artes escénicas', os 27-28 de novembro e 4-5 de decembro.

No caso de ‘A música e o seu contexto histórico', as xornadas das que consta o ciclo servirán para explicar algúns dos fenómenos musicais históricos á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos. Incidirase en que a música, como calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do devir histórico e cultural da humanidade. Realizaranse audicións comentadas das obras musicais máis representativas, facendo fincapé nas que supuxeron cambios radicais.

No ciclo sobre ‘Os instrumentos da orquestra' realizarase un estudo comparado dos diferentes instrumentos da orquestra sinfónica, as súas cualidades tímbricas, os afectos que producen, e as maridaxes que poden formar. Escoitaranse e analizaranse algunhas das obras máis representativas para cada un dos instrumentos obxecto de estudo e completarase a unidade didáctica analizando a importancia da dirección orquestral e a súa evolución ao longo da historia. 

No relativo ás ‘Grandes obras da música clásica', continuarase cos ciclos de anos anteriores escoitando e estudando en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, algunhas das máis importantes páxinas musicais da historia da música clásica no que será "un xeito diferente de achegarse a estas obras co obxectivo de aumentar a emoción da súa escoita".

Finalmente, ‘A ópera e as artes escénicas' será un ciclo no que se realizarán audicións de grandes obras. Entre os obxectivos deste bloque temático destacan a análise musical de cada ópera, as súas claves internas, a súa contextualización histórica, o compositor, a posta en escena e todos aqueles elementos relevantes cuxo coñecemento axudan a un maior goce da obra.