Noticias

O Museo restrinxe os Cursos de Apreciación Musical 2020 ao formato dixital "en liña"

As gravacións das sesión estarán dispoñibles dende as 14h dos venres e durante unha semana na páxina web e no Facebook


09 novembro 2020

O Museo de Pontevedra vén restrinxir unicamente ao formato dixital e ‘en liña' as actividades do  Curso de Apreciación Musical 2020 impartidas polo profesor Manuel López-Benito. A dirección tomou a decisión de eliminar a asistencia presencial, a pesares da alta demanda, como medida preventiva ante a pandemia.

As gravacións das sesións estarán dispoñibles na web e no Facebook do Museo dende as 14 horas dos venres e durante unha semana, ata a súa substitución polas sesións seguintes. Deste xeito amplíanse as posibilidades de difusión de cada cita, xa que coa organización anterior as actividades unicamente se podían seguir ou ben presencialmente, ou ben en directo a través do streaming mentres se estaban desenvolvendo, non tendo posibilidade de redifusión ou consulta posterior. 

As seguintes sesións previstas son as dúas relativas ás ‘Grandes obras da música clásica' (dispoñibles a partir deste venres 13 e do venres 20), nas que se prevé continuar cos ciclos de anos anteriores escoitando e estudando en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, algunhas das máis importantes páxinas musicais da historia da música clásica no que será "un xeito diferente de achegarse a estas obras co obxectivo de aumentar a emoción da súa escoita".

Finalmente, ‘A ópera e as artes escénicas' (en emisión dende o venres 27 de novembro e 4 de decembro) será un ciclo no que se realizarán audicións de grandes obras. Entre os obxectivos deste bloque temático destacan a análise musical de cada ópera, as súas claves internas, a súa contextualización histórica, o compositor, a posta en escena e todos aqueles elementos relevantes cuxo coñecemento axudan a un maior goce da obra.