Noticias

O Museo promove que alumnado da ONCE poida "ver" a exposición "Senso Sublime"

O deputado provincial de Cultura acompañou un grupo de alumnos e alumnas do CRE da ONCE nunha visita guiada na que se lles permitiu "ver" as pezas a través do tacto


06 nov 2015
O Museo promove que alumnado da ONCE poida
Senso Sublime

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, participou esta tarde nunha visita guiada á mostra "Senso Sublime", dirixida a un grupo de preto de 20 alumnos e alumnas do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, co obxecto de facilitar que as persoas con cegueira ou dificultades de visión poidan achegarse á oferta artística do Museo de Pontevedra. A visita foi conducida polo propio autor da exposición, Sergio Portela, quen, ademais de explicar a súa obra, permitiu que as persoas participantes tocasen as pezas para podelas percibir e comprender a través do tacto.

O deputado de Cultura manifestou que con esta visita "queremos seguir afondando na liña de achegar a actividade do Museo a todos os públicos, de abrir o mundo da arte a toda a cidadanía e, nomeadamente, a aqueles colectivos de persoas que precisan algún tipo de apoio específico para acceder aos contidos artísticos". Xosé Leal recoñeceu que aínda queda moito camiño que percorrer para acadar o obxectivo da accesibilidade universal, pero fixo fincapé nos esforzos que desde o equipo técnico do Museo Provincial se levan realizando neste ámbito.

Neste ano 2015 varios grupos de alumnos e alumnas do CRE da ONCE en Pontevedra xa realizaran dúas visitas máis ao Museo provincial, se ben a visita de hoxe é a primeira que se fai a unha exposición de carácter temporal. Para isto foi preciso contar coa sensibilidade, e mesmo coa complicidade, do autor da mostra, Sergio Portela, ao que o director do CRE da ONCE, José Ángel Abraldes, lle trasladou o seu agradecemento, ao igual que á dirección do Museo e á área de Cultura da Deputación.

"Senso Sublime" reúne máis de 70 obras de escultura, pintura e fotografía de Sergio Portela. Na mostra ten particular importancia o proceso de creación deste autor, centrado fundamentalmente na escultura, ao que se lle dedica case a totalidade da primeira das tres salas da exposición. Esta mostra, inaugurada o pasado 23 de setembro, xa leva contabilizadas máis de 6.600 visitas e completou o número de inscricións dos tres obradoiros para nenos e nenas que se programaron como actividades complementarias -o terceiro e último destes obradoiros terá lugar mañá sábado día 7-. A exposición permanecerá aberta ata o domingo 15 de novembro, tras ampliarse unha semana máis debido ao elevado número de visitas que está a recibir.


Novas relacionadas