Noticias

O Museo programa catro sesións de "contos confinados" virtuais os sábados do mes de maio

A iniciativa pretende manter a actividade lúdica destinada a nenas e nenos e apoiar ao sector cultural no actual momento de incerteza


04 maio 2020
Contos contados

O Museo vai desenvolver, no que resta do mes, unha nova iniciativa destinada ás e aos máis cativos da casa: unha programación de sesións de contacontos virtuais todos os sábados de maio ás 12:00 horas. As citas correrán a cargo de Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Beatriz Campos e Felipe Díaz "Caxoto", da compañía A Trastenda dos Contos.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, a posta en marcha desta proposta ten unha dupla intencionalidade. Trátase, por unha banda, de tentar manter aquelas iniciativas que forman parte habitualmente da programación lúdico-cultural que o Museo de Pontevedra lles dedica ás nenas e nenos e que se poden realizar nun formato diferente ao presencial utilizando canles coma o perfil de Facebook e a páxina web do Museo de Pontevedra. Por outra banda, con esta iniciativa quérese seguir apoiando o sector cultural na medida do posible nun momento de incerteza coma o que se está a vivir. "Trátase de contratar as e os narradores nas súas casas e trasladar as súas ‘historias' aos fogares das nenas e nenos nun formato diferente ao que estamos afeitas e afeitos", explica Rey.

Os encargados destes "contos confinados" serán Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Beatriz Campos e Felipe Díaz "Caxoto", da Trastenda dos Contos, que incluirán nas súas propostas narracións, cancións e ata un pequeno obradoiro de debuxo para que as pequenas e pequenos realicen dende os seus domicilios seguindo os vídeos.

As pezas, que se publicarán cada sábado, foron gravadas polas e polos artistas nas súas propias casas e cos medios dos que dispoñen nelas, facendo un exercicio de adaptación, a todos os niveis, ás novas circunstancias que obrigan as persoas a estar confinadas a meirande parte do tempo. Ademais, as actuacións programadas serán interpretadas en lingua de signos pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (Xoga).