Noticias

O Museo de Pontevedra pon en marcha un laboratorio sobre arte, paisaxe e xénero

Abordarase a historia da arte comprendendo feitos e aspectos fundamentais da teoría e crítica feminista


06 marzo 2020
laboratorio sobre arte, paisaxe e xénero

O Museo de Pontevedra vai realizar durante os meses de marzo, abril e maio un laboratorio de aproximación á arte moderna e contemporánea que ten como obxecto afondar na relación existente entre arte, paisaxe e xénero. Será todos os mércores desde 25 de marzo ata o 27 de maio baixo a tutela da docente Iria V. López. O número de prazas é limitado (15) e xa está aberto o prazo de inscrición.

O laboratorio dividirase en dúas partes diferenciadas: unha teórica, de exposición ao tema, estudo e visionado de material gráfico; e outra práctica, baseada no desenvolvemento dunha proposta creativa propia. A intención é que as persoas participantes aprendan e coñezan distintas concepcións, procedementos e perspectivas a partir das obras de diferentes artistas do Museo, facendo un percorrido pola historia e evolución da relación entre a arte, a paisaxe e os conceptos de muller, identidade e natureza.

Durante as dez sesións de dúas horas e media das que constará o laboratorio abordaranse diferentes "territorios experimentais". Haberá unha introdución teórico-práctica na relación entre arte e paisaxe ao longo da historia moderna e contemporánea; abordarase a historia da arte desde unha perspectiva de xénero, comprendendo a natureza, chaves, feitos e aspectos fundamentais da teoría e critica feminista; aprenderanse novas técnicas e procedementos artísticos relacionados coas prácticas na natureza e a interpretación da paisaxe; e xerarase un espazo propicio para a aprendizaxe, a experimentación, a comprensión e o xogo desde a nosa subxectividade, a mirada e a experiencia propia a partir de diferentes propostas, fomentando a capacidade reflexiva, atenta e crítica co contorno.

Para máis información sobre o programa ou para formalizar a inscrición (totalmente gratuíta), as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 804 100, extensión 42413 (en horario de 8.30 a 14.30h), ou solicitala a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es.