Noticias

O Museo inicia mañá venres a emisión en "streaming" do Curso de Apreciación Musical 2020 na web e en Facebook

Os convites para a asistencia presencial ás actividades do primeiro ciclo esgotáronse ás poucas horas de estar dispoñibles


08 outubro 2020
Curso apreciación musical

O Museo de Pontevedra emitirá mañá venres en streaming a través da páxina web www.museo.depo.gal. e do Facebook da institución as primeiras actividades do Curso de Apreciación Musical 2020 impartidas polo profesor Manuel López-Benito. Será a única maneira de poder gozar do evento, xa que os convites para a asistencia presencial tanto ao pase do venres como ao deste sábado esgotáronse ás poucas horas de estar dispoñibles.

As audicións do Curso de Apreciación Musical, un dos eventos de maior afluencia de público do Museo, estanse a retomar seguindo estritamente os protocolos motivados pola COVID-19, polo que das 250 prazas presenciais de anteriores edicións redúcese o número a 44 persoas asistentes por pase, realizando os primeiros os venres, ás 19 horas, (que se emitirán sempre en streaming) e os segundos os sábados, ás 11.30 horas.

O primeiro ciclo, que se inicia mañá e rematará a semana próxima, leva por título A Música e o seu Contexto Histórico, e servirá para explicar algúns dos fenómenos musicais históricos á luz da súa relación cos sucesos culturais que lle son contemporáneos. Incidirase en que a música, como calquera outra disciplina intelectual, non se desenvolve illadamente senón que o fai de maneira conxunta e unitaria co resto do devir histórico e cultural da humanidade. Realizaranse audicións comentadas das obras musicais máis representativas, facendo fincapé nas que supuxeron cambios radicais.

No ciclo sobre Os Instrumentos da Orquestra (23-24 e 30-31 de outubro ) realizarase un estudo comparado dos diferentes instrumentos da orquestra sinfónica, as súas calidades tímbricas, os afectos que producen, e as maridaxes que poden formar. Escoitaranse e analizaranse algunhas das obras máis representativas para cada un dos instrumentos obxecto de estudo e completarase a unidade didáctica analizando a importancia da dirección orquestral e a súa evolución ao longo da historia. 

No relativo ás Grandes Obras da Música Clásica (os 13-14 e 20-21 de novembro), continuarase cos ciclos de anos anteriores escoitando e estudando en profundidade desde o punto de vista programático, estético, histórico e musical, algunhas das máis importantes páxinas musicais da historia da música clásica no que será "un xeito diferente de achegarse a estas obras co obxectivo de aumentar a emoción da súa escoita".

Finalmente, A Ópera e as Artes Escénicas (os 27-28 de novembro e 4-5 de decembro) será un ciclo no que se realizarán audicións de grandes obras. Entre os obxectivos deste bloque temático destacan a análise musical de cada ópera, as súas claves internas, a súa contextualización histórica, o compositor, a posta en escena e todos aqueles elementos relevantes cuxo coñecemento axudan a un maior goce da obra.

Para facilitar a organización de público o martes anterior á realización de cada ciclo as persoas interesadas poderán recoller a súa invitación para asistir de maneira presencial na recepción do Sexto Edificio cun máximo de dúas entradas por persoa.