Noticias

O Museo inclúe no calendario do vindeiro ano unha exposición comisariada por nenas e nenos de primaria

Trátase dunha iniciativa, en colaboración con Taller Abierto, coa que se pretende que o alumnado xere o seu propio discurso expositivo


12 setembro 2017
Museo

Un grupo de 15 rapazas e rapaces de primaria, entre 8 e 12 anos, poderán participar nun programa para escoller e "comisariar" unha exposición propia que será incluída no calendario do Museo de Pontevedra do vindeiro ano. Trátase da iniciativa As/Os do Sexto. Un proxecto museográfico feito por nenas e nenos" que a Deputación pon en marcha a través do Museo e en colaboración co equipo de xestoras culturais de Taller Abierto. Esta maña foi presentado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo director do Museo, Carlos Valle, e a xestora cultural, África Martínez. "Trátase de levar a cabo unha filosofía, que xa puxo en práctica primeiro o Concello de Pontevedra e agora a Deputación, que é a filosofía Tonucci, para darlle un rol protagonista ás nenas e aos nenos e fomentar a súa autonomía na valoración e na escolla das obras" asegurou Xosé Leal.

Así, a iniciativa permitirá que as crianzas participantes coñezan a fondo as coleccións do Museo, seleccionen as obras que decidan incluír na exposición final, xeren o seu propio discurso expositivo e entendan todo o relativo á montaxe dunha mostra. Explicouno África Martínez sinalando que "as nenas e os nenos serán os protagonistas de Taller Abierto, en colaboración co gabinete didáctico do Museo, só actuaremos como guía". As e os quince participantes terán unha sesión semanal, os xoves de 17 a 19 horas, entre o 5 de outubro e o 18 de xaneiro. O proceso culminará no mes de febreiro coa montaxe da exposición final, que será incluída no calendario do Museo. Segundo África Martínez, ademais da propia exposición final tamén se procura "establecer un vínculo positivo co Museo" e que as e os participantes "actúen como axentes activos no exercicio dos valores estéticos".

En conxunto o proxecto foi cualificado polo director do Museo, Carlos Valle, como "moi novidoso" e agradeceu que as xestoras de Taller Abierto realizasen a proposta "especificamente para nós". Unha idea na que tamén coincidiu o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, que foi máis aló e manifestou o desexo de "que este programa teña continuidade no futuro, e que teña seguimento por parte dos centros educativos para promover a autonomía do alumnado".

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro e a nena ou neno interesado debe enviar unha fotografía na que apareza retratado cunha obra da colección permanente do Sexto Edificio e un breve texto no que explique por que elixe a obra. Tamén hai que axuntar a inscrición a autorización cumprimentada, que pode descargarse da páxina web do museo.  Esta documentación pode remitirse por correo electrónico ao gabinete didáctico
–gabinetedidactico.museo@depo.es- ou entregarse no mostrador do Sexto Edificio no horario de apertura do Museo. A selección levarase a cabo polo equipo de Taller Abierto en base a criterios de interese, motivación e calidade na exposición, e notificarase as aceptacións o día 2 de outubro.


Novas relacionadas