Noticias

O Museo inaugura mañá a súa nova sección permanente sobre a guerra e o exilio cun concerto de Samuel Diz

Aproveitando a proximidade do aniversario do Estatuto do 36 a institución quere poñer en valor os fondos –algúns nunca expostos ao público– de Camilo Díaz, Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto


28 xuño 2021
Concerto de Samuel Diz

Aproveitando o aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía da Galiza en 1936, do que hoxe se cumpre 85 anos, o Museo de Pontevedra vai inaugurar mañá oficialmente a súa nova sección sobre a Guerra Civil e o exilio. Búscase poñer en valor pezas de autores como Camilo Díaz, Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto que, desde perspectivas vitais e ideolóxicas similares, que nalgúns casos nunca foran expostas ao público e veñen completar a obra de Castelao na exposición permanente.

O acto –que terá lugar mañá martes 29 por estar pechado hoxe o Museo como todos os luns comezará ás 19 horas cunha visita institucional á nova sección por parte do vicepresidente, César Mosquera, e a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, xunto co director do Museo, Xosé Manuel Rey, e a responsable de Coleccións do Museo, Ángeles Tilve. Ás 19:30 h terá lugar, ademais, o concerto do intérprete e investigador da música na Xeración do 27 e do exilio republicano español, Samuel Diz.

Baixo o título Álbums de guerra: músicas para unha exposición, Diz interpretará un programa cargado de novidades, coa primeira interpretación en tempos modernos das pezas Noite de estrelas, melodía galega –arranxo número 18 do verán de 1937; Preludio –Minueto (Outono 1938); e Andante –Minueto (Primavera 1939) do guitarrista e compositor Xosé Chas García.

Tamén interpretará, en estrea absoluta, a suite para guitarra de Isidro Maieztegui; xunto a outras pezas de Xesús Bal y Gay, Rosita García Ascot, Simón Tapia Colman ou unha escolma de cancións populares de Federico García Lorca que tiveron especial protagonismo na contenda. Diz fará soar estas pezas, pertencentes a Memoria de la melancolía (Poliédrica 2020), o primeiro traballo discográfico realizado coa guitarra orixinal de Federico García Lorca, grazas a unha copia facsímile do instrumento.

Hai que lembrar que Diz xa participara antes en concertos no Museo de Pontevedra, en 2011 no recital Á luz dos candelabros, que lle valeu o Premio Ruíz Morales-Dandres Segovia de Música en Compostela. Xa en 2019, na conmemoración dos 80 anos do exilio republicano español, Diz xa ofrecera tamén unha xira de concertos e conferencias en España e México vencelladas coa memoria e o exilio.

Para asistir ao concerto é preciso inscribirse en reservas.museo@depo.es, sendo a capacidade da sala limitada.