Noticias

O Museo expón ao público a "Dolorosa" e o "Cristo" orixinarios do espolio nazi antes da súa devolución

O vicepresidente, Mosquera, anima ás persoas "amantes da arte e curiosos da historia" a aproveitar a oportunidade para coñecer máis a fondo as dúas pezas e a súa orixe


25 febreiro 2021
Exposición cadros do expolio nazi

O Museo de Pontevedra abriu hoxe oficialmente a instalación temporal cos cadros da Dolorosa e o Cristo identificados como orixinarios do espolio nazi. As pezas, xunto cunha descrición breve explicativa e un código QR para saber máis da súa historia e trazabilidade, estarán a disposición do público na sala 1 do Edificio Castelao desde esta mañá ata o momento da súa restitución á lexítima propiedade.

O vicepresidente, César Mosquera, visitou a instalación e animou a que as persoas "amantes da arte e curiosos da historia" aproveiten a oportunidade para contemplar as dúas creacións e afondar na súa orixe e características. Destacou que é "unha pena que teñamos que desfacernos destes cadros, pero é unha alegría colaborar a reparar o espolio nazi", en relación á súa devolución, á que o Museo se comprometeu desde o inicio.

Nestes momentos, explicou o nacionalista, o Museo está agardando e a disposición da decisión do Ministerio de Cultura, que é quen ten as competencias sobre o futuro dos cadros, que nestes momentos están reclamados tanto polo Goberno polaco como pola familia propietaria do Castelo do que supostamente foron espoliados. Destacou que nestes momentos a Avogacía do Estado está estudando a situación para emitir informe e, mentres non se `efectivice´ a devolución e se aclare a quen se lle entregan, o díptico quedará no Museo. "Nós somos terceiros de boa fe, con toda a disposición para colaborar, e non nos crea ningunha distorsión nin estamos a desgusto con que as obras estean aquí. Vaise sabendo máis delas e van estar ben acollidas e ben tratadas mentres dure o proceso", salientou Mosquera.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, indicou que desde o punto de vista histórico artístico houbo novidades sobre as pezas. Inicialmente foran atribuídas a Dieric Bouts mais, a raíz dun informe da directora do Instituto Moll, Ana Diéguez, por encarga do Museo, hoxe sábese que non teñen esta atribución e que case con total seguridade pertenzan a algún membro do taller do seu fillo Albert Bouts. Isto dataríaas nun período máis tardío do século XVI, algo que encaixa tamén coa cronoloxía e o tipo de marco tan significativo con casetóns e textos sostidos por anxos que presentan.

As dúas obras foron tamén analizadas no Museo cun programa D-Strech utilizado normalmente para as pinturas rupestres que, modificando as gamas de cores, permitiu desvelar textos escritos nas traseiras dos marcos, onde se aprecian frases en latín e incluso datos en relación coa súa procedencia alemá.

Como reflexión, o director do Museo asegurou que a día de hoxe os museos están analizando cuestións que hai 20 ou 30 anos eran "impensables": "Hai acceso a bases de datos en liña, co que as obras viaxan moito máis que antes, e é máis fácil rastrexar a información. Agora mesmo hai unha tendencia e unha dinámica a que os propietarios, sexan estados ou familias, intenten recuperar obras que en determinados momentos saíron dunha maneira anómala con respecto á perspectiva actual. Por iso está reclamando obras Exipto, o Estado Grego… É un movemento a nivel mundial", destacou.

A identificación da Dolorosa e o Ecce Homo como bens espoliados xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para interesarse polo díptico. Segundo a documentación que aportaba, as dúas pezas pertencían á Colección da Princesa Czartoryski en Goluchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Ambas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973 e previamente en Barcelona no 1971

Fotos