Noticias

O Museo, escenario dun diálogo "interxeneracional e interxénero" coa poesía erótica de Carvalho Calero

Mañá ábrese o prazo de inscrición na última actividade da Deputación de Pontevedra para conmemorar as Letras Galegas 2020


27 outubro 2020
Cartel de

O Museo de Pontevedra será o escenario o vindeiro venres ás 20 horas de ‘Eterna e Múltipla', un espectáculo híbrido baseado no "diálogo interxeneracional e interxénero" coa poesía ‘erótica' de Carvalho Calero, a música e o audiovisual. Para poder asistir será preciso realizar inscrición previa dadas as limitacións de capacidade derivadas da COVID-19, aínda que tamén será posible seguir o evento a través do streaming en directo na páxina web da Deputación www.depo.gal.

No recital participará o colectivo ‘O fruto e a serpe', que terá como intérpretes principais a Elvira Jardón e Cynthia Mennéndez, que darán voz aos poemas de Calero e á súa resposta con material propio nunha conversa poética na que confluirán diferentes sensibilidades e enfoques sobre relacións e erotismo. Así mesmo, haberá un acompañamento musical, suave pero con personalidade e carácter que, xunto coa iluminación, pretende crear unha atmosfera axeitada para que o público goce do espectáculo

A deputada de Lingua, María Ortega, quixo convidar hoxe á cidadanía a participar deste evento ou ben de maneira presencial ou ben en liña, posto que segundo asegurou, trátase dunha iniciativa e dunha visión moi novidosa de Carvalho Calero, de quen "todo o mundo ten unha impresión moi ‘sesuda' e moi seria, pero tamén ten unha visión máis moderna e innovadora das relacións e das visión das mulleres", dixo. Destacou, de feito, que ademais de ser o primeiro que escribiu unha novela en galego despois da guerra, o primeiro que fixo unha gramática en galego, dos que fixo parte da primeira xeración de avogados da Segunda República, o primeiro que redacta un anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza, foi tamén o primeiro que escribiu poesía erótica en galego.

A inscrición para participar neste último acto da Deputación para conmemorar as Letras Galegas 2020 debe facerse no correo vicepresidencia@depo.gal, (máximo dúas persoas por correo-e) a partir das 9 horas de mañá mércores. Será preciso indicar o nome das persoas asistentes e un número de teléfono de contacto para cumprir co protocolo derivado da COVID-19. A capacidade da sala completarase por estrita orde de chegada.