Noticias

O Museo entrega os premios ás creacións sobre o Ravachol máis orixinais

As e os gañadores do concurso artístico do entroido recolleron hoxe un lote de agasallos de mans do director, Xosé Manuel Rey


27 febreiro 2021
Entrega premios a concurso de deseño Ravachol

O Museo de Pontevedra entregou hoxe os agasallos do seu concurso artístico sobre o Ravachol no que participaron máis de 200 nenas e nenos e no que foi preciso crear dous accésit ante a calidade e orixinalidade das propostas. O director, Xosé Manuel Rey, foi o encargado da repartición, e animou á rapazada a que o Museo siga a ser unha institución importante para a súa formación e para os seus momentos de ocio.

As e os premiados foron:

1.ª categoría

  • 1.º premio: Loro pirata Ravachol, Leo Caamaño Mera (4 anos)
  • Accésit: El Ravacholiris, Manuela Ramos Ricoy (6 anos)

2.ª categoría

  • 1.º premio: Ravachol Harry Potter, Cintia Tizado Sanfiz (7 anos)
  • Accésit: O Ravachol vacinador, Julieta Iglesias Rodríguez (11 anos)

3.ª categoría

  • 1.º premio: O Ravachol olla por nós, Paloma Pérez Peleteiro (13 anos)

En total recibíranse 206 obras, na 1.ª categoría (de 3 a 6 anos) foron 39; na 2.ª categoría (de 7 a 11 anos) 164; e na 3.ª categoría (de 12 a 14) só 3. Todas elas luciron expostas no espazo vidrado do Edificio Castelao e as gañadoras tiveron difusión tamén nas redes sociais e na web do Museo.

A equipa educativa organizadora do concurso entendeu o éxito da iniciativa tanto polo ‘tirón' do propio Ravachol como figura do Entroido, como pola información enviada directamente aos centros de ensino, que participaron con clases enteiras entendendo a proposta como unha actividade didáctica de aula. Algúns dos centros que participaron foron o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra, o CEIP San Martiño de Salcedo, o CEIP XUNQUEIRA núm. 1, o CEIP Froebel ou o CEIP San Benito de Lérez.