Noticias

O Museo engade unha nova quenda aos obradoiros creativos para celebrar celebra o Día Europeo da Arte Rupestre ante o éxito de acollida

A actividade tamén se desenvolverá o sábado 10 de 17.30 a 19.00 horas e o domingo 11 de 11 a 12.30 horas


28 setembro 2020
Día Europeo da Arte Rupestre

O Museo de Pontevedra ven de engadir unha nova quenda aos obradoiros ‘TransformArte' para celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre ante o éxito de acollida, que fixo que as prazas iniciais quedaran esgotadas en moi pouco tempo ao pouco de anunciarse a iniciativa o pasado venres. A nova quenda desenvolverase o sábado 10 de 17.30 a 19.00 horas e o domingo 11 de 11 a 12.30.

TransformArte é a primeira actividade relativa á arte rupestre que o Museo realiza dende que se integrou no Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica' (CARP), a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros europeos que reúne nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público en España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Acerbaixán e Xeorxia.

Co taller preténdese aproximar ás nenas e nenos á arte rupestre galego a través da colección do propio Museo dunha forma lúdica e pedagóxica, que poidan recoñecer algúns dos elementos abstractos e figurados máis representativos, do mesmo xeito que a forma de vida e posibles crenzas da cultura prehistórica que orixinaron estas manifestacións.

Á súa vez, búscase potenciar as habilidades creativas dos participantes utilizando diferentes materiais, texturas e símbolos, fomentar o pensamento crítico e reflexivo, o diálogo e o respecto ante diferentes opinións e ideas, ademais de poñer en valor o traballo de recuperación, investigación e salvagarda da arte rupestre, un dos principais compoñentes do rexistro arqueolóxico de Galicia.

As nenas e nenos participantes realizarán unha representación artesanal dos petróglifos galegos a partir do modelado con pasta e a confección con diferentes tecidos dalgunhas figuras significativas. Debido á situación excepcional provocada pola Covid-19, a actividade desenvolverase cumprindo todas as normativas de seguridade e hixiene que marca a normativa vixente, e o número de asistentes verase reducido a un total de oito por quenda.

O obradoiro está pensado para nenas e nenos de 8 a 13 anos. A primeira quenda será os días 7 e 8 de outubro pola tarde de 17.30 a 19.00 horas e a segunda o 9 de outubro de 17.30 a 19.00 horas e 10 de outubro de 11.00 a 12.30 horas. A estas dúas engádese a de nova creación o sábado e o domingo.

A participación é gratuíta pero é preciso inscribirse no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es. As prazas outorgaranse respectando a orde de recepción.