Noticias

O Museo encara 2022 co obxectivo de ter o proxecto para reformar Santa Clara a finais de ano

O vicepresidente Mosquera explica que a Deputación inicia xa a súa folla de ruta co estudo arqueolóxico, histórico e de paramentos para confirmar a idoneidade das instalacións para a institución


30 decembro 2021
Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vivirá no 2022 un dos anos chave na súa historia coa incorporación  e reforma de Santa Clara como parte das súas instalacións e coa rehabilitación dos edificios centrais no casco vello. Con ese obxectivo por diante, e mentres busca financiamento para que non ser a única administración que sostén a operación, a Deputación ten marcados dous prazos: que o proxecto de mellora do convento poida estar redactado a finais de ano e que as obras nos inmobles do centro histórico estean licitadas e listas para comezar a mediados deste exercicio.  

O vicepresidente Mosquera apunta eses serían os tempos óptimos nos que á institución provincial lle gustaría desenvolver as actuacións, mais recoñece que supoñen unha programación optimista sen incluír ningún tipo de contratempo nos moitos pasos burocráticos que deben producirse polo camiño.

O responsable político do Museo destaca que nestes momentos, logo da sinatura do protocolo co Concello de Pontevedra, a Deputación –como futura propietaria do convento- asumiu a xestión dos trámites e vén de poñer en marcha nestes días a adxudicación do contrato para realizar un completo estudo arqueolóxico, histórico e de paramentos que analice o tipo de construcións e reformas existentes no conxunto das clarisas, así como outras cuestións concretas como se hai máis enterramentos no terreo.

Con esa información na man abrirase contacto co departamento de Patrimonio da Xunta para ver as posibilidades de cambios e obras nas instalacións e confirmarase finalmente se o conxunto é óptimo para destinalo ao Museo de Pontevedra. A resposta a esa pregunta, que se prevé positiva, está aínda aberta entre outras cuestións por como solucionar as entradas e circulacións de público se hai que manter a fisonomía actual do convento e o seu peche.

Unha vez todas as cuestións sobre a viabilidade de Santa Clara para o Museo estean pechadas terase que decidir se se opta por un proxecto xeral de mellora ou se inclúe xa tamén a musealización final. Entón lanzarase o concurso para a redacción do proxecto de reforma co obxectivo de que estea redactado a finais deste 2022.

Edificios centrais e Valdecorvos

Ademais da incorporación de Santa Clara, outro dos proxectos ambiciosos do Museo é a rehabilitación dos seus edificios centrais. Nestes momentos estase dilatando a aprobación da modificación do Peprica que permitirá a conexión soterrada dos edificios pola falta de informes dos servizos de Costas e de Patrimonio, polo que é preciso agardar ata a súa recepción.

O proxecto para facer funcionais os edificios está listo, segundo explica Mosquera, e a intención é que a mediados de ano se poida licitar a obra, aínda que as datas definitivas quedarán novamente a expensas da burocracia.

Por outra banda, e debido aos últimos cambios con Santa Clara, a situación do proxecto de Valdecorvos para construír un edificio destinado a espazo arqueolóxico mantéñense en ‘stand by'. Segundo o propio vicepresidente Mosquera "non tería sentido" que de ser viable o edificio das clarisas para acoller tamén os achados arqueolóxicos da provincia se construíse outro inmoble que multiplicase os custos.

En relación ao financiamento, o nacionalista destaca que a consecución de fondos externos á Deputación para todos os proxectos será un obxectivo prioritario que se negociará de maneira paralela a todas as xestións e trámites administrativos. Segundo subliñou, está tomada a decisión de afrontar as melloras unicamente con fondos provinciais de ser preciso, pero salientou que "é de lóxica" a implicación da Xunta e do Estado.