Noticias

O Museo edita o catálogo sobre a mostra ‘Pontevedra Suite' como unha homenaxe póstuma a Manuel Moldes

A presentación terá lugar o vindeiro 3 de maio no Sexto Edificio


27 abril 2018
Manuel Moldes

O Museo de Pontevedra edita o catálogo que recolle a proposta expositiva e as obras que formaron parte da mostra ‘Pontevedra Suite' coma unha homenaxe póstuma ao pintor Manuel Moldes. A edición, que foi reformulada tras o pasamento do artista, inclúe ademais un DVD con material audiovisual tanto da montaxe da exposición como das propias obras xa expostas. Conta con colaboracións de persoeiros como Miguel Fernández-Cid, Mariano H. de Ossorno, Ramón Rozas, e Manuel Jabois, ademais do comisario, Ángel Cerviño, e do coordinador, Alberto González-Alegre. A presentación terá lugar no Sexto Edificio o vindeiro xoves día 3 de maio, ás 20 horas.

"Que a última gran exposición de Manuel Moldes tivese lugar no Museo da súa cidade, na que el naceu e a que el escolleu para vivir e para traballar, e que este catálogo recolla toda a obra que el seleccionou, sobre todo da década dos 80, que foi a súa etapa dourada como artista, confírelle un valor aínda maior a este catálogo" asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Unha idea na que tamén insiste o director do Museo, Carlos Valle asegurando que "se Manolo pasou á historia da arte foi precisamente pola obra do período dos anos 80 e o catálogo recolle a mostra e as obras que seleccionou o propio Manolo para reflexionar sobre esta etapa da súa produción". Carlos Valle tamén indicou que o artista fora o encargado, no seu momento, de supervisar a estrutura e contido do catálogo inicial.

A publicación comeza cun texto de Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre que leva por título "Pontevedra Suite. A recreación dun espazo simbólico"; continúa con "Moldes e Pontevedra Unha mirada crítica" da autoría de Miguel Fernández-Cid; con  "Noticias que foron chegando (a modo de retallos que a memoria aguanta)" de Mariano H. de Ossorno; e " No tempo da pintura na Pontevedra de sempre" de Ramón Rozas. O capítulo de colaboracións pecha con dous breves textos de Manuel Jabois que levan por título " Moldes sen extinción", e "A pintura é acción na procura da liberdade".

Ademais de recoller toda a obra seleccionada para ‘Pontevedra Suite', o catálogo tamén inclúe fotografías da acción que realizara Manuel Moldes na cristaleira exterior do Sexto Edificio nos días previos á inauguración da mostra, e tamén fotografías documentais da realización do mural ‘O río da vida' nas instalacións da UNED .

Hai que lembrar que ‘Pontevedra Suite' reunía obra de Manuel Moldes do período comprendido entre os anos 1983 e 1987, e incluía preto de 50 obras, algunhas delas de gran formato, correspondentes a series especialmente significativas na súa carreira. O período temporal escollido coincidía, ademais, coa renovación artística galega que chegara naquel momento da man do Grupo Atlántica. Un movemento do que fixera parte Manuel Moldes e que iniciara un camiño ligado á arte internacional e á consolidación da modernidade, a través da reinterpretación dos mitos ancestrais da cultura popular galega, do expresionismo rural e da contorna atlántica oceánica da que toma a súa denominación. No caso de Manuel o espazo elixido fora Pontevedra como fío conceptual e como espazo simbólico de identidade, tanto individual como colectivo. ‘Pontevedra Suite'  puidera visitarse no Sexto Edificio entre o 27 de xullo e o 17 de setembro do pasado ano.

Fotos