Noticias

O Museo do Mar da Guarda acolle desde este sábado a mostra "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar"

A exposición, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, poderá visitarse ata o vindeiro 31 de xullo no museo guardés


28 xuño 2018
Sustentabilidade en Feminino: Achegas das Mulleres á Sustentabilidade do Mar

Este sábado 30 de xuño ás 12 horas inaugúrase no Museo do Mar da Guarda a exposición "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar", que visita a vila do Baixo Miño tras ter pasado por Ourense, Vigo e Pontevedra. Así, ata o vindeiro 31 de xullo, as persoas interesadas en coñecer a participación e o papel da muller no mundo do mar poderán visitar a mostra no Museo do Mar da Guarda.

"Sustentabilidade en feminino" chega a vila do Baixo Miño tralo paso polo Campus de Ourense, o Campus de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último Campus da Universidade de Vigo e da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, onde xurdiu a idea de impulsar unha exposición para visibilizar o papel da muller e a súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra, que poderá verse no Museo do Mar da Guarda está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía Aida Fernández. "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o invisibilizado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as futuras persoas profesionais e científicas.

A exposición, que poderá ser visitada polo público xeral, estará aberta todos os días da semana de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas.

Vídeos