Noticias

O Museo de Pontevedra reunirá por primeira vez na historia todas as obras de gran formato de Castelao

O deputado de Cultura, Xosé Leal, anunciou que o Certame Novos Valores terá carácter de bolsa de estudos recuperando a idea dos 'pensionados' da época de Castelao


11 dec 2015
Actuacións Museo de Pontevedra 2016
Actuacións Museo de Pontevedra 2016

"No ano 2016 o Museo de Pontevedra vai ser un centro de referencia tanto para as efemérides relacionadas co Ano Castelao como por mor do centenario do nacemento de Valle Inclán" anunciou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na presentación das grandes liñas de actuación do Museo provincial para o vindeiro exercicio. Leal explicou que Castelao protagonizará dúas grandes exposicións. "Haberá unha primeira exposición sobre o Castelao artista que se inaugurará o 1 de abril, con motivo do Día das Artes Galegas, e que reunirá por primeira vez na historia a totalidade da obra de gran formato de Castelao" sinalou Leal. O deputado de Cultura estivo acompañado na presentación polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, que explicou que esta primeira exposición "recolle a obra do primeiro Castelao desde o punto de vista biográfico e que atinxe ás dúas primeiras décadas do século XX".

A segunda exposición referida a Castelao está previsto que se presente o 28 de xuño coincidindo coa data da celebración do plebiscito do Estatuto de 1936. Levará por título 'Castelao - Meu Pontevedra' e segundo indicou o deputado de Cultura "estará composta na súa maior parte por fondos propios do Museo e do Arquivo e suporá unha reflexión sobre a Pontevedra na que lle tocou vivir a Castelao no primeiro terzo do pasado século". Sobre esta época histórica na traxectoria do autor, Calos Valle quixo facer fincapé en que foi entre os anos 1916 e 1918 cando Castelao traballou no Álbum Nós mentres vivía na cidade de Pontevedra. Nesta exposición tamén se recollera o papel do autor rianxeiro no impulso da fundación do Museo de Pontevedra.

O centenario do nacemento de Valle Inclán acadará protagonismo coa exposición 'El rostro de las letras' que se presentará de cara ao outono da man de Acción Cultural Española. Trátase dunha mostra fotográfica que fai un itinerario polas grandes figuras literarias e fotográficas desde o Romanticismo ata a xeración de 1914, e que está comisariada por Publio López Mondéjar, ao que Carlos Valle cualificou como "o gran historiador da fotografía do Estado español"

No eido das exposicións, o deputado tamén mencionou a mostra retrospectiva que se dedicará a Miguel Anxo Prado e a introdución de novos criterios relacionados coa vixencia das mostras, manténdoas abertas durante máis tempo para optimizar a súa difusión e o acceso do público.

Novos Valores

Xosé Leal anunciou que o vindeiro ano o Certame Novos Valores recuperará o seu carácter de bolsa de estudos. O deputado de Cultura explicou que en vez de ser tan só un premio como nos últimos anos, no ano 2016 pasará a ter unha dotación económica para ser empregada pola persoa gañadora nunha continuación de estudos ou nun proxecto artístico e que culminará nunha exposición monográfica no propio Museo de Pontevedra. "Queremos que, ao igual que Castelao foi pensionado no seu momento e puido ampliar os seus estudos artísticos grazas á bolsa da Deputación, que o gañador ou gañadora dos Novos Valores tamén poida usar a bolsa para continuar cos seus proxectos artísticos" sinalou Xosé Leal.

A este respecto, o director do Museo quixo lembrar que o financiamento de artistas por parte da Deputación se remonta ao século XIX e que foi no ano 1925 cando se reformulan as bases para que os chamados 'pensionados' permitiran ampliacións de estudos no estranxeiro para novos artistas, unha reformulación na que tamén participou activamente Castelao naquela época.

Ademais da bolsa de estudos, o gañador ou gañadora do certame contará coa posibilidade de expoñer a súa obra no Museo provincial, no que Carlos Valle cualificou "case como un segundo premio".

Apertura da Sala de Investigadores

Xosé Leal confirmou que en datas vindeiras se abrirá de novo a Sala de Investigadores do Museo, toda vez que está practicamente rematado o traslado dos fondos de investigación e a instalación dos equipos informáticos. Trátase dunha demanda por parte de investigadores que segundo explicou o director "non só significa volver a dispoñer deste espazo e dos recursos para investigar senón tamén dun centro no que ofrecer asesoramento sobre as materias nas que somos referencia".

Por último, Xosé Leal aproveitou para destacar entre as liñas de actuación "o asesoramento aos concellos en materia de musealización, poñendo á súa disposición un equipo técnico cualificado ao que poden recorrer nas cuestións relacionadas con este ámbito."