Noticias

O Museo de Pontevedra contabiliza preto de 5.000 visitas durante o mes de xaneiro

A exposición de fotografías de Virxilio Vieitez superou os 7.000 visitantes durante os dous meses que permaneceu no Sexto


08 feb 2016

O Museo de Pontevedra contabilizou un total de 4.984 visitas ao longo de todo o mes de xaneiro, incluíndo as visitas ás exposicións e ás salas do Sexto Edificio, as asistencias a actividades e conferencias e as persoas usuarias da sala de investigación. Un dato que o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, cualificou como "froito dun traballo profesional e rigoroso por parte do equipo técnico do Museo. Esperamos que estes bos resultados non só se manteñan senón que se incrementen á vista do ano que temos por diante, con actividades de envergadura coma as exposicións relacionadas coas efemérides de Castelao".

Concretamente, a primeira actividade relacionada co Ano Castelao, a estrea da obra Os vellos non deben de namorarse, adaptada a teatro de marionetas e representada os días 29 e 30 de xaneiro, foi vista por 700 persoas a través dos pases para centros escolares e a estrea para o público en xeral. No ámbito das actividades tamén destaca a boa acollida da quincuaxésima oitava edición do concerto Despedida del Villancico, que contou con 307 persoas asistentes. Esta actividade, que correu a cargo dos ex-cantores do coro dos institutos de Pontevedra en colaboración co coro de nenos Luis García Limeses, tivo lugar o 9 de xaneiro e foi organizada polo Museo. Tamén se contabiliza no mes de xaneiro o uso da sala de investigación, sita no Edificio Fernández López, que tras a súa reapertura o pasado 7 de xaneiro contabilizou máis de medio centenar de visitas de investigadores e investigadoras.

Éxito de público da exposición de Virxilio Vieitez

A exposición dedicada á obra do fotógrafo de Soutelo de Montes Virxilio Vieitez contabilizou un total de 7.161 visitas ao longo dos case dous meses que permaneceu aberta ao público no Sexto Edificio, entre o 10 de decembro e o 7 de febreiro.

Destas visitas 484 persoas participaron nos itinerarios guiados que organizou o gabinete didáctico do Museo, tanto para grupos escolares coma para o público en xeral. Outras 307 persoas asistiron, ademais, ao ciclo de conferencias organizadas arredor desta exposición e que se desenvolveron en cinco sesións durante a segunda e a terceira semana de xaneiro. Cómpre lembrar que estas conferencias correron a cargo de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela; Manuel Sendón, profesor de Historia da Fotografía da Universidade de Vigo; Miguel Fernández-Cid, director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester; e do escritor Suso de Toro; e remataron cunha mesa redonda na que participaron o fotógrafo Miguel Vidal; o historiador e crítico de arte Ramón Rozas; e o director do Museo provincial, Carlos Valle. Á afluencia de público hai que sumarlles, ademais, as case 10o unidades que se venderon do catálogo desta exposición, no que se recollían as 118 imaxes da exposición, seleccionadas pola filla do fotógrafo, Keta Vieitez.