Noticias

O Museo de Pontevedra, centro dunha cita histórica sobre Castelao

A Real Academia Galega de Belas Artes escolleu o Sexto para celebrar o acto institucional do Día das Artes Galegas, previo á inauguración da grande exposición sobre Castelao Artista


01 abr 2016
Artes galegas

O Museo de Pontevedra, institución museística que o propio Castelao contribuíu a fundar e que actualmente custodia a maior parte da súa obra, protagonizou esta tarde unha xornada histórica ao acoller o acto institucional do Día das Artes Galegas e abrir as portas da primeira grande exposición sobre Castelao programada para este ano. Unha cita que convocou no Sexto Edificio do Museo numerosas personalidades políticas, académicas e relacionadas co mundo da cultura e a arte, entre as que destacaron o máximo representante da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e unha representación da Deputación provincial encabezada pola presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Nesta cita tamén estiveron presentes representantes doutras institucións de relevancia no país coma o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, -concello no que naceu Castelao e que o sábado acollerá un segundo acto institucional relacionado co Día das Artes Galegas-. Tamén asistiron representantes dos concellos da provincia (alcaldes e concelleiros e concelleiras de Bueu, As Neves, Tomiño, Barro, Marín, Pontecesures, Poio e Ponteareas), máis dunha vintena de académicos e académicas da RAGBA e representantes da Fundación Castelao, a Fundación Laxeiro, a Fundación Luis Seoane, Afundación, o Museo provincial de Lugo, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Así mesmo, tamén asistiron numerosas personalidades do mundo da cultura e a arte, tanto da cidade como da provincia.

Día das Artes Galegas

O Día das Artes Galegas, iniciativa auspiciada pola Real Academia Galega de Belas Artes, nesta edición está dedicado a Castelao, co obxectivo de afondar e difundir a figura de Castelao como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor. A RAGBA xustifica, ademais, esta declaración "en base ao esforzo teórico e ás achegas creativas de Castelao para a dignificación de Galiza e as súas formas de expresión, tanto a través da súa obra, coma do Seminario de Estudos Galegos, do grupo Nós e tamén como exiliado e alí onde estivo".

A celebración formal do Día das Artes Galegas tivo lugar no salón de actos do Sexto Edificio e estivo encabezada por Manuel Quintana Martelo, no nome da RAGBA. Tamén interviñeron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Ademais das intervencións institucionais, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea e conservadora da RAGBA, M.ª Victoria Carballo-Calero, participou cun relatorio titulado "Xénese e configuración do Álbum Nós". A actriz Uxía Blanco oficiou como mestra de cerimonias.

O Día das Artes Galegas foi declarado, por primeira vez, o pasado ano, que foi dedicado ao Mestre Mateo. A RAGBA escolleu o 1 de abril para homenaxear as e os artistas galegos en memoria do 1 de abril de 1188, data na que se asentaron os dinteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo. A candidatura para que o Día das Artes Galegas 2016 fose dedicado a Daniel Alfonso R. Castelao superou ás de pintores coma Laxeiro ou Carlos Maside.

Exposición Castelao Artista

Despois do acto académico e antes da inauguración da mostra, a Sociedade Coral Polifónica ofreceu un breve concerto no espazo acristalado da planta baixa. Este concerto programouse para homenaxear que Castelao, xunto a outras personalidades coma Antón Losada Diéguez, Alexandre Bóveda, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle, tamén participou na fundación da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, que deu o seu primeiro concerto o 9 de abril de 1925 na igrexa conventual de San Francisco. Castelao foi ademais o artista que deseñou a súa imaxe.

Baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra interpretou tres pezas, antes de que o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, inaugurase a exposición "Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1908)". Xosé Leal aproveitou para sinalar, como xa fixera na presentación á prensa do pasado mércores, que se trata dunha mostra na que se poderá ver "o Castelao que está comezando a configurar a súa conciencia política e onde comeza a recoller xa parte dos elementos que farían agromar o seu posicionamento ideolóxico posterior". Tras a intervención de Xosé Leal todas as persoas asistentes participaron nunha visita guiada que correu a cargo do director do Museo e comisario da mostra, Carlos Valle.

A exposición está concibida para valorizar os inicios da traxectoria de Castelao, tomando como referencia o 1905, por ser o ano no que se data a súa primeira obra, e o 1920, xusto antes da exposición do Álbum Nós na Coruña. A exposición, composta por 96 obras distribuídas nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edificio, permanecerá aberta ao público ata o 5 de xuño.

Ademais de mostrar obras inéditas, tamén conta co aliciente de ser a primeira vez que se poderán ver reunidas todas as obras de gran formato de Castelao conservadas en Galicia. A obra plástica apóiase nunha serie de materiais de tipo documental que, na súa maioría, para poder ser expostos, foron obxecto dun delicado labor de recuperación e restauración por parte do equipo de restauración do propio Museo. O percorrido é cronolóxico; tómase como punto de partida o ano 1905 por ser a data na que aparece a primeira obra asinada por Castelao -que naquel momento aínda asinaba como Daniel Rodríguez C.-. Entre 1912 e 1917 dátanse os seus óleos de gran formato, nos que o tema da cegueira e as grandes paisaxes acadan gran protagonismo. Precisamente é en 1917 cando Castelao pinta o seu último cadro de gran formato, A tentación de Colombina. No último período que se aborda na mostra xa está presente a elaboración do Álbum Nós, que, segundo documentou o propio Castelao, foi realizado entre 1916 e 1918, cando xa vivía en Pontevedra, que coincide tamén co seu ingreso nas Irmandades da Fala. Este apartado da exposición ofrécelle ao público a posibilidade de apreciar o contraste entre os bosquexos e as obras preparatorias e os debuxos definitivos que se inclúen no Álbum Nós.

O 80 % da obra exposta xa se atopaba no Museo, mentres que o 20 % restante foi cedida para esta mostra por particulares e institucións públicas e privadas. Das obras de gran formato, catro delas proceden de Afundación, unha da Fundación Rodríguez Iglesias, dúas de coleccións privadas e os tres óleos do tríptico realizado para o Balneario de Mondariz pertencen á Real Academia Galega e xa estaban en depósito no Museo desde 2011.

Intervención de Carmela Silva (pdf)