Noticias

O Museo converterá a Guerra Civil, a represión e o exilio en temática de investigación prioritaria

O director Xosé Manuel Rey presentou hoxe oficialmente a nova sección do Edificio Castelao destacando a importancia de rotar pezas "en reserva" dos fondos da institución


29 xuño 2021
O director Xosé Manuel Rey presentou hoxe oficialmente a nova sección do Edificio Castelao

O Museo de Pontevedra converterá a Guerra Civil, a represión e o exilio en temática de investigación prioritaria "no futuro inmediato da institución". Así o manifestou hoxe o director Xosé Manuel Rey na inauguración oficial da sección do segundo andar que, con pezas de Federico Ribas, Arturo Souto e Uxío Souto, completará a visión de Castelao sobre o acontecido en Galiza tras o golpe de 1936.

Rey, antes de dar paso ao concerto de Samuel Diz, explicou que o Museo pretende poñer en valor a área temática sacando á luz pezas que estaban "en reserva" nos fondos museísticos. "É importante rotar as pezas e que as exposicións non sexan eternas", manifestou, indicando o seu interese en aumentar o número de profesionais destinados a executar un novo programa específico. 

Así mesmo, o director –acompañado da responsable de coleccións Ángeles Tilve– inaugurou oficialmente a sección que desde fai uns días se pode visitar na exposición permanente na sala 5 do segundo andar, coa que se pretende dar unha visión máis global do impacto que a Guerra Civil, a represión e o exilio tivo nos artistas galegos completando así a mirada que sobre o tema reflicte Castelao nos seus Álbums de Guerra expostos na sala 8 do mesmo andar do edificio que leva o seu nome.

Nesta nova sección, apuntou Rey, inclúense 14 pezas de tres significados artistas, ligados ideoloxicamente ao galeguismo, o nacionalismo e a República, que cunha vivencia semellante á de Castelao foron forzados a un longo exilio en América. Son unha serie de visións dramáticas e comprometidas –dixo– feitas durante o período bélico por artistas maduros e consagrados, como Federico Ribas Montenegro, ou por Arturo Souto Feijoo e Uxío Souto Campos, ambos bolseiros da Deputación de Pontevedra, pertencentes a xeración de ‘Os novos', que vivirían o seu exilio en México.

A instalación comeza cun busto de Camilo Díaz Baliño, modelado por Uxío Souto Campos en 1928, co que se recorda á figura deste artista, escenógrafo e intelectual vencellado ás Irmandades da Fala e fundamental para a evolución da arte galega no primeiro terzo do século XX, paseado o 14 de agosto de 1936 en Palas de Rey (3 días antes que o sería Alexandre Bóveda en Pontevedra) e cuxo corpo permanece hoxe na cuneta onde foi soterrado pola barbarie represiva dos sublevados.  

Rey explicou tamén que, cunha concepción similar a Castelao nos seus emblemáticos Álbums de Guerra, especialmente en Galicia mártir e Atila en Galicia, o famoso ilustrador vigués Federico Ribas Montenegro desenvolve na maxistral serie de media ducia de augadas que, co título de Visións galegas baixo o xugo da Falanxe, reproduce a feroz represión exercida en Bueu (Pontevedra), vila na que, como Maruja Mallo, adoitaba pasar o verán e desde onde fuxiu precipitadamente a Arxentina.

A paisaxe da ría de Pontevedra é recoñecible na que se titula Galicia quedou sen mariñeiros, pero tamén son recoñecibles gracias aos textos que o artista inclúe no reverso dalgúns dos debuxos as referencias a personaxes coñecidos como no Cabaleiro de Sant Yago, ao temible sarxento da Garda Cívica José Collazo, que sementaba o terror na comarca do Morrazo, ou no titulado Quen vai facer os barcos agora o recordo a José de la Torre, un carpinteiro de ribeira veciño de Beluso, quen fora secretario do Partido Comunista de Bueu e destacado activista quen antes da Guerra frecuentaba ao venezolano Rómulo Gallegos e ao grupo de intelectuais que veraneaban na vila, fusilado en setembro de 1936, e cuxo tráxico fin sería narrado tamén por Maruja Mallo.

En Arxentina Federico Ribas integrarase co numeroso grupo de exiliados galegos, Castelao, Seoane, José Suárez, Colmeiro e Maruja Mallo, e con eles e xunto a Núñez Búa, Antonio Baltar e Sánchez Guisande colaborará achegando testemuñas que se concretarán na edición en París de La Galice sous la botte de Franco. Episodes de la terreur blanche dans les provinces de Galice, rapportés par ceux qui les ont vécus, en 1938. A esa época debe pertencer esta serie de augadas que Ribas, cando en 1949 regresa definitivamente a España, deixará en poder de Castelao. 

Do pontevedrés Arturo Souto Feijoo, que, como Castelao, puxo a súa arte e compromiso político ao servizo do Ministerio de Propaganda do goberno republicano, móstranse algunhas das estampas con escenas da fronte de guerra do seu álbum Debuxos de guerra, publicado en Valencia en 1937, e Bombardeo en Madrid, unha dramática augada que se exhibiu xunto ao Guernica de Picasso no Pavillón Español na Exposición Internacional des Arts et Técniques de Paris, inaugurada o 12 de xullo de 1937 e, en xaneiro e febreiro de 1938 no Palais des Beaux Arts de Bruxelas.

Do cuntense Uxío Souto, ademais dalgunhas esculturas moi expresivas como Procesión del amanecer ou Solidade, sobresaen dúas augadas que mostran a súa experiencia persoal xusto ao final da contenda: a dramática fuxida dos vencidos polos Pirineos e a visión atormentada dos republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés, no que el tamén estaba internado.

Fotos