Noticias

O Museo contrata un estudo de patoloxías actualizado dos seus edificios centrais como traballo preparatorio para o proxecto de rehabilitación

O vicepresidente, Mosquera, explica que os inmobles están "en estado ruinoso" e que é preciso detectar todos e cada un dos problemas existentes


17 abril 2021

Unha vez obtida a luz verde para a modificación do Peprica que permitirá a conexión soterrada dos edificios fundacionais do Museo de Pontevedra, os trámites para a súa rehabilitación seguen a súa marcha. O Museo acaba de contratar un estudo de patoloxías actualizado sobre os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López para coñecer ao detalle e de maneira actualizada todas e cada unha das súas deficiencias.

Segundo explica o vicepresidente Mosquera, xa existía un estudo previo que deixaba claro que o estado dos inmobles era moi malo, pero de cara a redactar o proxecto de rehabilitación é preciso coñecer de maneira actualizada e ao detalle a situación real "para evitar sorpresas". "Os edificios están en estado ruinoso, iso sábese, pero hai que ver e concretar se aparte das deficiencias visibles xa detectadas existen outros problemas que afecten aos seus elementos principais", destacou.

O estudo das patoloxías foi adxudicado esta semana pola Deputación de Pontevedra á empresa ‘Ideas TX Enxeñería' despois de ser elixida entre dez firmas. O importe do traballo ascende a 10.690 euros e comezarase a súa execución unha vez rematen os trámites administrativos obrigados.

A realización do estudo de patoloxías xurde despois de que esta semana a Dirección Xeral de Calidade Ambiental non considerara necesario someter a procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual do Peprica para a conexión soterrada dos inmobles.

O departamento autonómico destacou que non se prevén efectos ambientais significativos o que, a efectos prácticos, supón que hai un "horizonte despexado" de cara a acometer o proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo coa idea prevista inicialmente.

"A solución técnica que se formulara pódese facer, funciona. Agora hai que ver a dispoñibilidade orzamentaria e se é preciso axustar", destacou Mosquera, para insistir en que para darlle uso aos inmobles é necesario adaptar o conxunto de edificios á normativa actual en materia de accesibilidade, seguridade estrutural, seguridade fronte a incendios e condicións ambientais.