Noticias

O Museo celebrará o Día da Arquitectura 2021 cunha grande montaxe fotográfica para reflexionar sobre "os fogares" en tempos de Covid

Pídese a colaboración de cativada de entre 5 e 12 anos para tomar e enviar imaxes dos lugares que máis lles gustan dentro da súa casa


29 setembro 2021

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Mundial da Arquitectura 2021 que se conmemora o primeiro luns de outubro cunha actividade na que pretende implicar a cativada da provincia: unha grande montaxe mural de fotografías de fogares que fagan reflexionar sobre a importancia do deseño das casas na calidade de vida da veciñanza.

Segundo lembra a equipa do Museo, o Día Mundial da Arquitectura é unha celebración que pretende achegar a arquitectura en todas as súas dimensións á cidadanía para facer una chamada de atención sobre unha disciplina que se percibe afastada da sociedade, polo que se desenvolven en todo o mundo distintas actividades conmemorativas en entidades culturais de todo tipo.

O Museo de Pontevedra impulsa por este día unha actividade participativa para a cativada da provincia centrada na reflexión sobre o espazo doméstico, xa que as circunstancias vividas desde o 2020 levaron a moitas persoas a repensar os seus fogares e a caer na conta da importancia do espazo na calidade de vida da cidadanía.

A través da mirada da cativada, e xunto a materiais e textos aportados polos equipos de deseño, construirase un gran ‘collage' sobre o concepto de casa e fogar. Para iso, cada pequeno e pequena participante debe facer unha fotografía con dispositivo móbil ao espazo da súa casa onde máis lle guste estar e enviala ao correo contacto@tallerabierto.info. A imaxe deberá ir acompañada dun pequeno texto que explique as razóns da elección.

Poderá participar na iniciativa rapazada de 5 a 12 anos, sempre coa autorización das persoas responsables, e remitir os envíos antes do 1 de outubro. A exposición que se creará coa mestura das imaxes poderase visitar no primeiro andar do Edificio Castelao do Museo entre o 5 e o 12 de outubro.