Noticias

O Museo celebra cun acto institucional a instalación do novo nome do edificio Castelao

Este xoves descubrirase o rótulo coa nova denominación do inmoble e abrirase a exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921'



  Ver directo


29 novembro 2021
Cartel Castelao en Europa

O Museo de Pontevedra vai estar de celebración este xoves día 2. E farao cun acto institucional no que por unha banda se descubrirá o rótulo coa nova denominación do Edificio Castelao na fachada do inmoble da rúa Pai Amoedo e por outra se inaugurará unha moi potente exposición relacionada co autor rianxeiro: ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921'. 

O evento comezará ás oito da tarde –entrada libre ata completar aforo- coa presentación na praza dianteira do Edificio Castelao da instalación das novas letras. Posteriormente, e con acompañamento musical, realizaranse os discursos institucionais da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente e responsable político do Museo César Mosquera, e o director do Museo Xosé Manuel Rey, así como da comisaria da mostra, Ángeles Tilve, que fará despois unha visita guiada explicando os elementos máis importantes.

‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921' é unha exposición conmemorativa do centenario da viaxe por Europa que o autor plasmou nun diario que estará aberta ata o 23 de xaneiro. Está estruturada en tres bloques e móstranse o orixinal do manuscrito e as reproducións da totalidade dos 131 debuxos, fotografías, tarxetas postais, recortes e impresos diversos que o artista intercalou no texto. Tamén, ademais de fotografías de obras de diversos autores que comenta amplamente no Diario, amósase outro cento de debuxos, apuntamentos e estudos orixinais realizados durante este período, así como outras obras moi significativas da súa produción posterior que revelan o grande impacto desta viaxe na súa evolución e no desenvolvemento da arte galega do século XX.

Ao longo da mostra explícase que de xaneiro a outubro de 1921 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), realizou unha viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña. Foi unha transcendental experiencia que lle permitiu coñecer, estudar e afondar na tradición artística e nas linguaxes das vangardas europeas contemporáneas e que propiciou, ao seu regreso a Galicia, cambios significativos na súa teoría e práctica artística e literaria, na conformación da estética nacionalista e na súa progresiva consolidación como guía e inspirador de esenciais iniciativas artísticas e culturais.

No diario Castelao anotou moi detalladamente as vicisitudes do percorrido e as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e as obras dos numerosos artistas que viu nos museos e nas decenas de exposicións que visitou, de representacións teatrais, concertos, conferencias e todo tipo de actividades culturais ás que asistiu; tamén as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas.

Deste diario, de carácter íntimo e non pensado para ser publicado, o artista só difundirá, resumidas, reelaboradas e matizadas, algunhas das súas reflexións sobre a arte europea nunha serie de seis artigos, dos que dous deles, dedicados ao cubismo, son a versión en galego da súa Memoria de pensionado para a JAE, que aparecerían en 1922 e 1923 na revista Nós.