Noticias

O Museo celebra a terceira edición da súa Semana Lorquiana para gozar de Lorca

Entre o 26 e o 30 de outubro realizaranse mesas redondas, lecturas teatralizadas, roteiros e contacontos para escolares


19 outubro 2021
Semana Lorquiana

O Museo vai desenvolver dende o 26 ata o 30 de outubro unha nova edición da súa ‘Semana Lorquiana'. Trátase das terceiras xornadas organizadas arredor do 25 de outubro, denominado ‘Día de García Lorca en Galiza', que estarán dirixidas tanto a público infantil como adulto, e serán desenvolvidas por Polo Correo do Vento.

Esta terceira edición vén a consolidar definitivamente o interese do Museo de Pontevedra por divulgar a relación do autor con Galiza, quen se definía a si mesmo como un "poeta galego" e escribiu algunhas pezas no idioma do país. Estas acabaron conformando a obra ‘Seis poemas  galegos', cuxa primeira edición de 200 exemplares se publicou en decembro de 1935, dos que boa parte arderon durante o asalto á imprenta  Nós en 1938.

As actividades da ‘Semana Lorquiana' deste 2021 no Museo comezarán o martes 26 con contacontos para os colexios de Pontevedra. Nestas sesións de 60 minutos aproximadamente realizarase unha narración dirixida ao público infantil, ao tempo que se desenvolve unha ilustración, ambas actividades vencelladas á presenza de Lorca en Galicia e aos fondos do Museo de Pontevedra. Na parte final, a rapazada asistente debuxará por si propia ao poeta granadino nun obradoiro.

Xa para público adulto, celebrarase a mesa redonda ‘Un día das Letras Galegas para Federico García Lorca' o xoves 28 ás sete e media da tarde. A libreira e escritora Mercedes Corbillón exercerá de moderadora e participarán como relatores o historiador e crítico de arte Ramón Rozas e o editor e escritor Henrique Alvarellos. Á mesa seguiralle unha lectura teatralizada do músico e actor Marcelo Dobode.

Finalmente, o sábado 30 realizarase un roteiro titulado ‘Lorca en Pontevedra', que partirá  á unha da tarde dende o Edificio Castelao do Museo.  O roteiro precisará de inscrición previa en polocorreodovento@hotmail.com