Noticias

O Museo acolle un novo encontro sobre onomástica que tratará sobre os nomes dos lugares do Camiño de Santiago

A xornada, que se celebrará o 16 de outubro, está organizada pola Real Academia Galega e a Deputación


07 outubro 2021
Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vai acoller a mediados de outubro unha nova edición do xa tradicional encontro sobre onomástica que, nesta ocasión, versará sobre os nomes dos lugares do Camiño de Santiago. A xornada, organizada pola Real Academia Galega e a Deputación, contará coa participación de voces especialistas na toponimia do primeiro Itinerario Cultural Europeo aproveitando a celebración do Ano Santo Compostelán e abordará a presenza da onomástica de Santiago fóra do país, experiencias didácticas e incluso un debate sobre a posibilidade de que Galiza se constitúa como centro dos estudos toponímicos de Europa.

O programa desenvolverase o vindeiro 16 de outubro no Museo de Pontevedra e aínda quedan prazas dispoñibles. As persoas interesadas en participar presencialmente e recibir un certificado de asistencia poderán n inscribirse na xornada ata o 14 de outubro a través do correo electrónico publicacions@academia.gal. As sesións emitiranse en directo de maneira aberta ao público a través da web academia.gal.

Alén da súa significación relixiosa, a celebración do ano xacobeo permitirá resaltar determinadas características do Camiño de Santiago. A VI Xornada de Onomástica incidirá no estudo dos nomes de lugares que atravesan as rutas que o conforman da man de especialistas de distintas disciplinas.

A evolución dos nomes de Gallecia e Spania ao longo da Idade Media e os nomes literarios no Códice Calixtino, a presenza da onomástica de Santiago máis alá de Galicia ou a aplicación didáctica da toponimia do Camiño nas aulas no CEIP Agro do Muíño e no IES Milladoiro serán algúns dos aspectos que se tratarán nas intervencións previstas. A xornada rematará pola tarde cunha mesa redonda na que se tratarán, dende distintas perspectivas, os estudos toponímicos do Camiño e a posibilidade de que Galicia se constitúa como centro dos estudos sobre toponimia en Europa.

Anselmo López Carreira, profesor da UNED, e Pilar Cagiao e José María Anguita Jaén, da USC; e os docentes de secundaria Sandra Beis Silva, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro pronunciarán os relatorios incluídos no programa coordinado pola académica electa Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez.

A mesa redonda contará coa participación do académico correspondente Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do CSIC Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra coorganizan dende 2016 as xornadas anuais do Seminario de Onomástica da RAG. A entidade provincial apoia ademais a publicación dos traballos presentados nestes encontros, dedicados nas edicións anteriores á microtoponima, os nomes e apelidos, os alcumes, os nomes das rúas e os nomes comerciais.