Noticias

O Museo acolle a V Xornada de Onomástica Galega, centrada este ano nas marcas comerciais

O prazo de inscrición para a participación en liña finaliza o domingo 1 de novembro


29 outubro 2020
Cartel da V Xornada Onomástica Galega

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 7 de novembro a V Xornada de Onomástica organizada pola Real Academia Galega, que este ano abordará os nomes das marcas comerciais. O programa, que contará con voces da filoloxía e da dinamización lingüística xunto a outras do mundo da creación de marcas como a zoqueira Elena Ferro, poderá seguirse de en liña, sendo necesario formalizar a inscrición antes do 1 de novembro.

O público que opte por seguir o encontro de maneira telemática e que desexe obter un certificado deberá facelo a través da plataforma Zoom, mais todas as sesións serán ademais retransmitidas en aberto a través da canle de YouTube da Real Academia Galega. As persoas que desexen o documento acreditativo deben remitir un correo electrónico cos seus datos ao enderezo publicacions@academia.gal.

O programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, contará con voces da filoloxía e da dinamización lingüística xunto a outras do mundo empresarial e da creación de marcas. No encontro examinaranse algúns dos sectores implicados na creación de nomes comerciais, o valor das marcas galegas, as estratexias de márketing empregadas e as oportunidades pedagóxicas que ofrece este material para traballar na aula.

Entre outros modelos, debaterase sobre o procedemento de atopar nomes comerciais distintos ou atractivos e porase como exemplo ‘EFerro', a empresa de zocos de Vila de Cruces fundada por Elena Ferro, que nomea os seus modelos con topónimos galegos como San Cosme de Nete. A creadora desta firma será unha das intervenientes na mesa redonda que pechará a xornada, que contará tamén coas achegas de Xosé González Martínez, creador do Foro Enrique Peinador de empresas pola normalización da lingua e impulsor da campaña de etiquetado en galego ‘Con acento propio'; e Irene García e Raquel Boo, do estudio Ekinocio de deseño e comunicación, desde o que traballan na creación de marcas.

Os nomes dos bares e restaurantes centrarán a primeira sesión da tarde, a cargo da profesora Celtia Rei Brandón, que exporá unha experiencia didáctica sobre o tema desenvolvida no barrio vigués de Coia.

A xornada arrincará cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado. A continuación, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falará dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e a profesora Sara Míguez referirase á relación das marcas coa paisaxe lingüística desde o caso de Redondela. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, trazará unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da Denominación de Orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Pérez Tizón.