Noticias

O Museo abre este luns o prazo para inscribirse nos seus obradoiros de verán

Realizaranse catro actividades sobre restauración, a orientación a través do ceo ao longo da historia, a cerámica e os libros ‘pop up' durante os meses de xullo e agosto


04 xuño 2021
Obradoiros de verán

O Museo de Pontevedra abrirá este luns día 7 o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2021 cunha proposta renovada de actividades para nenas e nenos entre 5 e 12 anos. O mundo dos mosaicos romanos, a relación entre o ceo e a humanidade, a creación cerámica e a fantasía dos libros pop-up serán as temáticas que as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo.

A inscrición farase a través da dirección de correo electrónico educacion.museo@depo.es. En cada correo só poderá inscribirse un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. Deberán indicarse o nome e apelidos, idade, teléfono e a preferencia de participación nos diferentes obradoiros.

No mes de xullo a actividade comezará co obradoiro O Mosaico Romano de Panxón, impartido pola restauradora Ana María González García. A cativada que participe neste obradoiro sentirase restauradora por un día a través dunha réplica a escala 1:10 do mosaico romano de Panxón, Nigrán, poñendo en práctica a técnica da integración cromática.

O obxectivo deste obradoiro será achegar dunha forma lúdica e amena o labor do persoal de conservación e restauración de bens culturais e concienciar ás e aos pequenos sobre a importancia do respecto e coidado do patrimonio para o seu futuro. O número de participantes será de 10 rapazas e rapaces por quenda, cunha única sesión en horario de 11 a 13 horas. Para crianzas de 5 a 8 anos pódense elixir as sesións dos días 6, 7, 8 ou 9 de xullo, e para as de 9 a 12 anos os días 13, 14, 15 ou 16 de xullo, habendo 80 prazas en total.

O segundo obradoiro de xullo será Descubrindo o Ceo no Museo de Pontevedra a cargo de Van Divulgación Cultural, S. L., que pretende a través dun percorrido polo Museo de Pontevedra xogar e descubrir a relación da humanidade co ceo ao longo da historia e responder ás preguntas "mirarían ao ceo os nosos antepasados? que nos conta o ceo? existe algunha relación entre os astros e a orientación ou a medida do tempo?".

O número de participantes será de 10 por quenda, tendo unha duración de catro sesións (4 días) en horario de 11 a 13 h. Á rapazada de 9 a 12 anos correspóndenlle as datas entre o 20 ao 23 de xullo, e á de 6 a 8 anos, do 27 ao 30 de xullo.

Xa no mes de agosto, o primeiro obradoiro será Cacharriños Cerámicos, impartido pola ceramista e ilustradora Nuria Rodríguez Figueiredo. Con este obradoiro a cativada internarase no fabuloso mundo da cerámica partindo da observación dalgunhas das pezas da colección do Museo, aprendendo diferentes técnicas de construción, o petisco, o churro, a prancha…e a decorar as pezas creadas.

O número de participantes será de 10 por quenda e participarán en dúas sesións de dúas horas cada unha en horario de 11 a 13 h. Para nenas e nenos de 7 a 9 anos haberá un obradoiro o 3 e o 4 de agosto e outro o 10 e o 11 de agosto; mentres que para idades entre 10 a 12 anos, haberá outro o 5 e o 6 de agosto e o derradeiro o 12 e 13 de agosto.

Por último, o obradoiro Despregando a túa Imaxinación estará relacionado coa exposición da colección ‘Ana M.ª Ortega e Álvaro Gutiérrez, libros pop-up' que terá lugar do 29 de xullo ata o 18 de outubro. A ilustradora Aida Alonso, impartirá esta actividade onde a cativada despregará a súa imaxinación debuxando con tesoiras e enchendo de maxia os libros.

Serán dez participantes por quenda cunha duración de 4 sesións (4 días) en horario de 11 a 13 h. Para nenas e nenos de 6 a 9 anos será do 17 ao 20 de agosto e para nenas e nenos de 10 a 12 anos, do 24 ao 27 de agosto.