Noticias

O mural de Lidia Cao en "Violencia zero" en Silleda une ao alumnado do IES Pintor Colmeiro fronte as violencias machistas

Isaura Abelairas e Manuel Cuiña asistiron ao acto da Deputación de Pontevedra, que contou cunha activa participación das nenas e nenos presentes


09 maio 2019

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, xunto ao alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asistiu este xoves a unha nova actividade do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero", que tivo lugar no IES Plurilingüe Pintor Colmeiro. Neste caso, a protagonista da acción escénica foi Lidia Cao, ilustradora nacida en Compostela pero criada en Ordes, terra de graffiti e muralismo. Ante a atenta mirada do alumnado do centro educativo, a artista rematou de pintar o seu mural, elaborado especialmente para a ocasión e chamado A unión é vida. Sobre o significado, Cao explicou que "todo é vida se existe unión, a unión fainos máis fortes ante calquera cousa, como por exemplo ante as violencias machistas coas que temos que rematar".

A deputada Isaura Abelairas recalcou a importancia de que "este programa chegue aos centros educativos da provincia, pois este alumnado e o seu profesorado ten nas súas mans traballar cara a unha sociedade igualitaria na que non haxa espazo para as violencias machistas que tanto dano están a facer á nosa sociedade". A acción artística do programa da Deputación de Pontevedra rematou cunha extensa charla-coloquio na que todo o alumnado do IES Pintor Colmeiro conversou coa artista, que relatoulles varias experiencias de discriminación que sufriu durante a súa carreira artística. De feito sinalou que "case sempre fago os meus traballos acompañada do meu irmá, que leva temas de montaxe, e na maioría das ocasións, aínda que leve eu o mono de pintura, pensan que o artista é el".

Este ano 2019 "Mulleres en acción. Violencia zero" volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente terá lugar en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).