Noticias

O modelo de mobilidade sostible da Deputación recibe un "novo espaldarazo europeo" coa financiación da mellora da estrada provincial Os Valos-Guizán

O IDAE financiará máis do 80 % "dunha obra de primeira", que supón a transformación integral da estrada ao seu paso por Redondela coa reordenación da circulación peonil, ciclista e rodada


21 xuño 2021

O modelo de mobilidade segura e sostible da Deputación de Pontevedra acaba de recibir un novo aval internacional, neste caso a través da concesión dunha nova achega dos fondos Feder que recoñece a actuación deseñada pola institución provincial para mellorar a seguridade viaria na EP-2906 Os Valos-Guizán en Redondela, como proxecto singular para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono. O IDAE acaba de confirmar a concesión desta subvención, que ten un importe de 257.480 euros, dos 320.000 en que está presupostada esta obra, o 80,4 %.

O deputado Carlos Font mostrou a satisfacción do Goberno provincial por este "novo espaldarazo europeo ao noso modelo de mobilidade, tanto é así que van financiar a actuación case na súa totalidade", e se preguntou "onde quedan agora as críticas e acusacións do Partido Popular respecto a un proxecto espectacular e unha obra que se demostra que é de primeira".

O proxecto que está a desenvolver neste momento a Deputación nesta estrada provincial supón a súa transformación integral, coa reordenación da circulación peonil, ciclista e rodada. Os traballos realízanse nun tramo de 740 metros (en concreto, do p. q. 2+180 ao 2+920), do total de 2,9 quilómetros que ten a EP-2906, e que conecta a PO-2602 co aeroporto de Peinador e a N-550. Trátase dun treito moi densamente poboado, de xeito que esta actuación integral busca mellorar a seguridade, promover unha mobilidade urbana sostible para favorecer o transporte ciclista e peonil e reducir as emisións de carbono.

As obras contemplan a modificación da sección da estrada con solucións destinadas á mellora da mobilidade e o calmado de tráfico. Os traballos iniciáronse no tramo entre o p. q. 2+180 e o p. q. 2+390, e nel as obras céntrase na beiravía esquerda, cunha importante ampliación para a mellora da seguridade viaria. Doutra banda, a obra contempla na zona de maior densidade a creación dunha plataforma única de convivencia entre peoas e peóns e vehículos coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Desde este punto engadirase sección á estrada para gañar un carril persoas-bicicletas. Para iso habilitarase unha franxa con elementos separadores, de 50 cm de amplitude, para protexer a senda peonil ciclista, que terá outros 2 metros de ancho.

A actuación tamén permitirá reducir a velocidade do tráfico no viario a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, e coa redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2. Haberá para iso redutores de velocidade e no treito de plataforma única reducirase o límite aos 20 quilómetros por hora.

Procederase tamén ao soterramento dos cables aéreos e á instalación dun novo sistema de iluminación, substituíndo os actuais farois dun elevado consumo, por outros que reducirán o impacto enerxético e medioambiental. Ademais, optimizarase a iluminación, que actualmente só está pensado para o tráfico, ás novas circunstancias de mobilidade integral. A desaparición dos actuais postes de formigón contribuirá, a maiores, á mellora da seguridade.

Para a realización desta actuación, a Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE núm. 144 de data 17 de xuño de 2017), polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real decreto 1516/2018, de 28 de decembro (BOE núm. 314, de 29 de decembro de 2018), e Real decreto 316/2019, do 26 de abril (BOE núm. 130, do 30 de abril de 2019) e Real decreto 1185/2020, de 29 de decembro (BOE núm. 340, de 30 de decembro de 2020).

IDAE FEDER