Noticias

O ministro Pedro Duque coñece no CTAG o impacto da automoción en Vigo e na súa área de influencia

A presidenta da Deputación, que exerceu de anfitrioa do ministro na súa visita a Vigo, relatoulle a Pedro Duque as orixes da vinculación da cidade co automóbil "ata chegar a este momento no que somos unha potencia mundial"


08 agosto 2019
Visita del ministro Pedro Duque

A importancia da automoción no desenvolvemento socioeconómico presente e futuro de Vigo e da súa área de influencia foi protagonista esta mañá da visita que realizou o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e doutras autoridades, ás instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) no Porriño. O ministro mostrou a súa sorpresa pola innovación e a adiantada tecnoloxía dos prototipos e dos novos produtos que se desenvolven no Centro e asistiu con Carmela Silva ás probas dun novo vehículo autónomo.

A presidenta provincial explicoulle a Duque como, a partir da instalación da factoría de Citroën, se crearon na cidade de Vigo e na súa comarca moitas empresas auxiliares e relacionadas coa automoción, ata chegar á actualidade, "na que somos unha potencia mundial, cunha actividade produtiva enorme ligada ás novas tecnoloxías e á investigación". A presidenta provincial puxo en valor a existencia "desta grande área de coñecemento e de talento, vinculada ao sector do automóbil, que nos converte nunha referencia mundial en creación de novos produtos moi internacionalizados, polo que hai un enorme interese para que esta industria da automoción siga tendo opcións de maiores desenvolvementos". Carmela Silva tamén lle deu énfase "aos moitos proxectos e novas inversións tanto tecnolóxicas coma de todos os eidos, de gran profesionalización, que xa están a ser pioneiras en Europa".

Amais da súa visita ás instalacións do CTAG, o ministro completou a súa axenda en Vigo coa súa presenza a bordo do buque de investigación Sarmiento de Gamboa, que inicia hoxe unha nova campaña científica, e o percorrido polas instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo en cabo Estai.

Fotos