Noticias

O Laboratorio de Mouriscade, referencia en Europa ao ofrecer análises nutricionais para gando vacuno, porcino e avicultura con parámetros exclusivos

Carmela Silva explicou os avances ás alcaldesas, alcaldes e persoas expertas: "Somos a única administración cun servizo deste nivel que nos converte en referencia internacional"


29 outubro 2021
O Laboratorio de Mouriscade, referencia en Europa ao ofrecer análises nutricionais para gando vacuno, porcino e avicultura con parámetros exclusivos

O laboratorio Finca Mouriscade pasará a situarse en primeira liña europea en analítica nutricional para o sector primario. "Alcanzamos dous acordos que o converten no único en Europa capaz de ofrecer analíticas NIR dun nivel tan alto, cunha amplísima variedade de parámetros exclusivos para o gando vacún, o porcino e a avicultura", anunciou esta tarde a presidenta da Deputación, Carmela Silva, nas reunións dos comités de seguimento, constituídos meses atrás dentro do Plan de Dinamización de Mouriscade emprendido pola institución provincial.

O avance prodúcese tralo acordo alcanzado para acceder ás bases de datos dos laboratorios Dairy One e Evonik, que convirte Mouriscade nun centro punteiro e engade o control nutricional das cabanas porcina e avícola ao vacún, algo que xa viña facendo o centro do Deza pero agora incrementado con novos parámetros. "A confluencia de análise para rumiantes e monogástricos, xunto ao amplísimo abano de parámetros nutricionais exclusivos que se van medir, colócanos como unha referencia internacional", incidiu a presidenta. O laboratorio poderá tamén facer análises para outras especies como pavos e peixes.

O acordo co laboratorio alemán Evonik é pioneiro en España polo seu elevado nivel de medicións. A Finca será a única de todo o Estado en analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes. Mouriscade poderá valorar así parámetros nutricionais dos principais nutrientes e determinar o cálculo de enerxía, aminoácidos, calidade de procesado e ácidos graxos. Esta colaboración coa empresa tamén permite avaliar o contido de ata 51 ácidos graxos en 16 ingredientes de pensos, unha opción única a nivel mundial xa que Evonik é o único laboratorio de Europa que fai as calibracións necesarias para ofrecer este servizo. "É un dos piares do noso gran diferencial", explicou a presidenta provincial.

Prezos das análises

O custo do servizo, xa aprobado na Xunta de Goberno da Deputación, vai dende os 12 euros para a análise de ácidos graxos, 15 para a análise proximal e cálculo de enerxía, 42 para aminoácidos e 45 euros para os indicadores de calidade de procesado térmico e factores antinutricionais en fontes proteicas  para alimentación animal.

O acordo con Dairy One, pola súa banda, permite ofrecer o servizo NIR Plus. "Realizaranse análises de ensilados e racións Unifeed, como ata agora, e a maiores incorporaranse ao seu catálogo de matrices a gran maioría das forraxes destinadas á alimentación de rumiantes", comentou Carmela Silva. Os certificados de ensaio emitiranse cun significativo aumento de parámetros incorporando aos informes NIR importantes indicadores como a dixestibilidade da fibra e do almidón, calidade da proteína, azucres, macrominerais, ácidos graxos e calidade de conservación de ensilados. Pese á mellora, as tarifas NIR Plus redúcense, xa que pasan dos 18 euros actuais a 15. "É unha importante rebaixa", valorou a presidenta.

A mandataria provincial resaltou tamén que os acordos "minimizan o tempo de emisión de resultados e aumentan a capacidade para procesar un gran número de mostras con menos costes por analítica". Ademais reducen os residuos xerados e o consumo enerxético. "A fiabilidade nos resultados está  garantida, pois ambos provedores NIR son organizacións de referencia con gran experiencia nas calibracións a partir de procedementos de análise oficiais suxeitos aos máis estritos controis de calidade", engadiu.

Outras melloras no laboratorio

Aos acordos súmanse outras accións no laboratorio das que deu conta a presidenta. Así, a Deputación optimizou os procedementos de análise físico-químicos e microbiolóxicos, renovou a acreditación ENAC das técnicas de análise e lanzou unha aplicación móbil para consultar os resultados das analíticas e obter os certificados. Tamén se adquiriron balanzas e cámaras de incubación de microbioloxía, e dotouse á planta de biogás de conectividade á rede de datos para monitorizar a información xerada nesta instalación. Estas melloras supuxeron un investimento próximo aos cen mil euros en 2021.

Implantación de embrións

Na xuntanza tamén se puxo ao tanto a alcaldes, alcaldesas e persoas expertas do estado do programa de transferencia embrionaria da finca despois de que a finais de 2020 e no primeiro semestre de 2021 a Deputación adquirise 60 embrións a tres empresas, e foron todos eles implantados. Ata agora acadáronse 30 preñeces e naceu unha tenreira, que é filla de BWH CHANNEL CMP ET anterior número 1 por ICO e actual nº 7. "Continuaremos con esta aposta pola xenética, e para elo temos xa previsto no orzamento que se vai a someter a aprobación nuns días un investimento similar para o ano  2022, entre 40.000 e 50.000€", explicou.

Por outra banda, Carmela Silva informou de que xa está comprado o laboratorio móbil, pendente de subministro pola problemática internacional de subministros nos chips de automoción, e manifestou que a proposta de abrir a finca a visitas de centros universitarios, colectivos do sector e centros de Formación Profesional, retrasouse por razóns sanitarias, pero estase empezando con elas e xa se realizaron visitas hai unhas semanas de gandeiros e técnicos de nutrición animal para comprobar in situ os resultados dos ensaios de cultivo de millo forraxeiro que se están a desenvolver en colaboración con Limagrain Iberica.

Proxecto Next Generation e 50ª Aniversario

A presidenta adiantou que a Deputación está a traballar "nun potente proxecto en colaboración con varios socios internacionais para o tratamento de puríns" para optar aos fondos europeos Next Generation. "Mouriscade era unha das entidades máis descoñecidas desta administración fora do territorio do Deza, e grazas ao Plan de Dinamización estamos a converter a finca nunha referencia internacional".

Finalmente, o equipo técnico de Mouriscade participará ademais en varios congresos, e no 2022 implantarase "un ambicioso Plan de Comunicación para celebrar os 50 anos de funcionamento da finca como eixo central dunha serie importantísima de accións para a súa posta en valor", subliñou Carmela Silva.