Noticias

O II Ciclo Aida Fernández Ríos arranca este xoves con dúas charlas centradas na contaminación por microplásticos

Esta primeira xornada contará con Carmen Pérez, catedrática en Ciencias Materiais, e Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía


27 abril 2021
Ciclo Aída Fernandez Rios

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias inician este xoves a segunda edición do II Ciclo Aida Fernández Ríos, destinado a seguir achegando á cidadanía a importancia da ciencia, mediante dez relatorios ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, e desde setembro con cinco charlas que se desenvolverán en centros educativos da provincia.

Esta primeira xornada estará centrada na contaminación por microplásticos e se desenvolverá, ás 19 horas, de xeito telemático. Carmen Pérez, catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, falará nunha primeira charla sobre "Os microplásticos, que son? A súa incidencia na sociedade actual". E, a continuación, Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía no Centro Oceanográfico de Vigo, versará sobre "Microplásticos; descifrando o seu impacto no medio mariño".

As conferencias continuarán o xoves que vén, 6 de maio, con dúas novas intervencións sobre as "pandemias silenciosas". Todas aquelas persoas que desexen asistir a estas charlas tan só teñen que encher unha solicitude de inscrición no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).