Noticias

O II Ciclo Aida Fernández Ríos abordará este xoves os impactos económicos do cambio climático e a saúde a través de dous relatorios

Nesta xornada intervirán Beatriz González, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión, e Xavier Labandeira, catedrático de Economía


26 maio 2021

Os impactos económicos do cambio climático e a saúde será o tema central en torno ao que xirará unha nova conferencia do II Ciclo Aida Fernández Ríos, organizado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, que se levará a cabo este xoves, ás 19 horas e discorrerá de xeito semipresencial na sede provincial en Vigo.

A catedrática de Métodos Cuantitativos en Económica e Xestión na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, Beatriz González, falará sobre "O difícil equilibrio entre saúde e economía. O caso COVID-19". Pola súa parte, Xavier Labandeira, catedrático de Economía do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, tratará os "Aspectos económicos do cambio climático e da súa mitigación".

As 25 prazas dispoñibles na sede da Deputación en Vigo para asistir de forma presencial están xa esgotadas aínda que segue aberta a inscrición para seguila de forma telemática, tal e como o farán ás máis de 60 persoas inscritas ata agora. Para participar de xeito en liña tan só hai que encher unha solicitude de inscrición no sitio web (https://www.depo.gal). As conferencias continuarán o xoves 3 de xuño con dúas intervencións sobre a relación da muller e a ciencia que terán como protagonista á xenetista Jimena Fernández de la Vega, a quen este ano se lle dedica o Día da Ciencia en Galicia. Terá tamén carácter semipresencial e levarase a cabo no Pazo provincial en Pontevedra.

A Deputación e a RAGC están a impulsar co Ciclo Aida Fernández Ríos dez relatorios que terán lugar ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, para achegar á cidadanía a importancia da ciencia. Ademais, a partir de setembro espallarán esta disciplina nos centros educativos con cinco charlas para a mocidade.